PUBLICIDADE

O PPdeG arroupa a Feijóo en Santiago ante 8.000 persoas para pedir “o cambio necesario”

PorBisbarra

Sábado, 14 Novembro 2026 , ,

Alfonso Rueda, Diego Calvo e Fabiola García interviñeron nun acto celebrado no Multiusos Fontes do Sar no que reivindicaron a traxectoria do candidato popular e apelaron á mobilización en todos os concellos

O pavillón Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela acolleu esta mañá un mitin central do Partido Popular no marco da campaña das Eleccións Xerais do próximo 29 de novembro. Segundo os datos facilitados pola organización, ao acto asistiron arredor de 8.000 persoas chegadas desde distintos puntos de Galicia e doutras partes do Estado para respaldar a candidatura de Alberto Núñez Feijóo á presidencia do Goberno.

Baixo o lema “O cambio necesario”, o encontro contou coa participación de diversos dirixentes estatais, autonómicos e provinciais, entre os que se atopaban o secretario xeral do PP, Miguel Tellado, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.

PUBLICIDADE

Alfonos rueda chama a mudar o sentidiño

Durante a súa intervención, o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, destacou a capacidade de mobilización do partido en Galicia e definiu a Alberto Núñez Feijóo como un político “forte, honrado e motivado” que, segundo afirmou, atópase “no seu mellor momento”. Rueda dirixiuse tanto ao electorado galego como ao do resto de España para asegurar que “non se van arrepentir de votalo”, presentando a súa candidatura como un cambio “imprescindible e inaprazable”.

O líder dos populares galegos tamén centrou parte do seu discurso en criticar os oito anos de Goberno de Pedro Sánchez, aos que atribuíu falta de compromiso coas necesidades de Galicia. Neste sentido, reclamou un Executivo central que “coñeza a nosa xente, o noso rural, e que valore Galicia”, advertindo que non permitirán acordos con outras comunidades que prexudiquen os intereses galegos.

Así mesmo, Rueda lanzou críticas contra o Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao que cualificou como “a peor sucursal do PSOE en toda España” polo seu apoio parlamentario ao Executivo central. Fronte ao que denominou políticas que “veñen a levantar muros”, reivindicou unha identidade baseada en sentirse “galegos e españois, con orgullo e sen complexos”.

Chamamento á mobilización na provincia da Coruña

Pola súa banda, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, apelou á unidade interna e á participación electoral, sinalando que nos comicios do 29 de novembro “está en xogo o futuro de España”. Calvo definiu a Feijóo como “un valor seguro que os galegos coñecemos ben”, facendo referencia á súa etapa anterior á fronte da Xunta de Galicia.

O dirixente provincial asegurou que a formación despregará a todos os seus equipos na provincia da Coruña para facer chegar a súa mensaxe “a cada concello, vila e parroquia” no que resta de campaña.

No acto tamén tomou a palabra a número dous da lista ao Congreso pola provincia da Coruña, Fabiola García, quen lembrou a súa experiencia anterior á fronte da área de Política Social e Igualdade do Goberno autonómico, subliñando a importancia de centrar as políticas públicas na atención ás persoas máis vulnerables.

Ambiente de estar cun ¨amigo¨

Ao longo da xornada, os asistentes corearon consignas de apoio ao líder popular desde as bancadas. A organización incluíu ademais a proxección de dúas pezas audiovisuais: o vídeo de campaña no que se representa a Feijóo coma un personaxe de cómic e unha gravación de corte persoal na que a nai do candidato lle desexaba sorte para a cita electoral do 29 de novembro.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.