O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, celebra a saída a licitación da primeira fase da obra de mellora de itinerarios peonís en Lestedo, cun orzamento base de licitación de 404.008,72 euros e que estará aberto ata o vindeiro 8 de xullo. “Apenas un mes despois da sinatura do convenio de colaboración coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez Allegue, a Xunta cumpre cos compromisos adquiridos en Lestedo de axilizar no posible os tempos de tramitación administrativa para que as obras poidan estar listas a principios de 2027”, salienta o alcalde boqueixonés.
Unha actuación que se desenvolverá ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta e que será financiada nun 70% polo Goberno galego, que contratará e executará as obras, e nun 30% polo Concello de Boqueixón achegará o 30%, que se encargará do seu mantemento e conservación. As obras inclúen traballos para a integración urbana das vivendas situadas nunha área de 5.000 m2 na entrada de Lestedo con intervencións en dous puntos: a rúa Castrelo e a avenida do Vinteseis,
Na rúa Castrelo renovarase a beirarrúa e instalarase un bordo. Na marxe dereita construirase unha senda peonil de 120 metros de lonxitude para garantir a seguridade. Tamén se renovará a capa de rodaxe do viario municipal neste treito e se substituirá a sinalización.
Na avenida do Vinteseis actuarase sobre un treito que antes era a antiga Nacional. Regularizaranse as zonas de aparcamento, que están sen dotar adecuadamente, crearanse itinerarios peonís para que toda a veciñanza poida transitar con cadeiras de rodas e dotarase de novo alumeado público a zona. Tamén se renovará a rede de pluviais e soterraranse integramente as redes de telefonía e de electricidade. Finalmente, instalarase unha pequena zona de lecer na zona, coa plantación de árbores e instalación de mobiliario urbano.




