PUBLICIDADE

O obradoiro de emprego de Touro-Boimorto e o Pino formará a 20 desempregados no ámbito forestal

A representante do Goberno autonómico informou que este taller formativo permitirá obter certificados de profesionalidade en: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e actividades auxiliares en aproveitamentos forestais.

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe na inauguración do Obradoiro de Emprego dual promovido conxuntamente polos concellos de Touro, Boimorto e O Pino, unha iniciativa que permitirá formar durante nove meses a 20 persoas desempregadas nas especialidades de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e actividades auxiliares en aproveitamentos forestais.

Durante a súa intervención, a representante autonómica destacou que este programa conta cun investimento superior aos 454.000 euros e subliñou que “non se trata só dun programa formativo, senón dunha oportunidade real para mellorar a cualificación profesional e facilitar o acceso ao mercado laboral”.

Ao longo dos próximos meses, o alumnado participante desenvolverá actuacións forestais en distintas parcelas situadas nos concellos de Touro, Boimorto e O Pino, contribuíndo á conservación e mellora dos montes destes municipios.

PUBLICIDADE

As intervencións realizaranse nas parcelas de Cancela de Frádega, Chousa de San Xoán, Coto de San Sebastián, Chousa Vella de Sendelle, Leira Longa de Arceo, Fros de Rodeiros, Sisto de Brates, Banzanos-Fontao de Brates e Lebosende de Mercurín.

Nestes espazos executaranse traballos de limpeza e roza da vexetación, eliminación de biomasa, control de especies invasoras, podas, rareos selectivos e outras actuacións orientadas á conservación, recuperación e mellora dos montes.

A delegada destacou que estas actuacións resultan fundamentais para garantir unha correcta xestión forestal, contribuír á prevención dos incendios e favorecer a protección da biodiversidade e da paisaxe, ao tempo que permiten ao alumnado aplicar os coñecementos adquiridos e adquirir experiencia profesional nun sector con importantes oportunidades laborais.

A delegada territorial puxo en valor a aposta da Xunta polos obradoiros de emprego como unha das principais ferramentas de formación e inserción laboral. Neste sentido, lembrou que este ano se aprobarán en Galicia un cento de obradoiros cun investimento global de 48,1 millóns de euros para formar preto de 2.000 persoas desempregadas.

No caso da provincia da Coruña, están aprobados 20 obradoiros de emprego, cun investimento próximo aos 10 millóns de euros, dos que se benefician arredor de 400 alumnos e alumnas. “Estamos a falar dunha rede de formación presente en toda Galicia que ofrece oportunidades reais de emprego e responde ás necesidades do tecido produtivo de cada territorio”, sinalou.

FORMACIÓN DUAL CON CERITIFICADO PROFESIONAL

Durante o acto, a representante da Xunta salientou especialmente o valor engadido da formación dual, que combina aprendizaxe teórica e práctica coa contratación das persoas participantes mediante un contrato para a formación e a aprendizaxe.

Así, ademais de percibir unha remuneración económica durante o desenvolvemento do programa, o alumnado obterá un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional, mellorando significativamente as súas posibilidades de inserción laboral.

A delegada lembrou tamén que os grupos reducidos permiten ofrecer unha formación máis personalizada e adaptada ás necesidades de cada participante e que, nalgúns casos, estes programas incorporan contidos relacionados co emprendemento para favorecer a creación de novos proxectos profesionais.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.