PUBLICIDADE

Borja Verea celebra a aposta polo aparcadoiro do clínico e pide acelerar a súa execución

PorBisbarra

Mércores, 1 Xullo 2026 , , , ,
Aparcamento CHUS

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, celebrou o anuncio do novo aparcadoiro do Hospital Clínico e cualificou a actuación como “un bo día para Santiago”, ao considerar que supón por fin “unha aposta ambiciosa e estrutural” para resolver un problema que milleiros de persoas levan padecendo desde hai anos.

Durante unha comparecencia ante os medios de comunicación, Verea lembrou que a falta de aparcadoiro no CHUS afecta diariamente a pacientes, familiares, profesionais sanitarios e a milleiros de persoas que acoden ao hospital e que, durante demasiado tempo, tiveron que perder tempo, tranquilidade e mesmo a paciencia buscando unha praza.

“O importante é que Santiago deixe atrás os parches e afronte este problema con ambición e con visión de futuro”, sinalou.

PUBLICIDADE

Neste sentido, puxo especialmente en valor que o proxecto presentado non consiste nunha solución provisional nin de pequena dimensión, senón nunha actuación integrada dentro da propia contorna hospitalaria, con novos accesos, reorganización do espazo, integración urbana e unha concepción máis ordenada, máis verde e máis humana do complexo hospitalario.

Verea lembrou que o Partido Popular foi a primeira forza política en defender publicamente unha solución destas características para o CHUS e asegurou que o anuncio confirma que Santiago precisaba unha actuación integrada no propio recinto hospitalario, con capacidade suficiente e pensada para o futuro de toda a contorna.

“O importante non é que quen se colgue unha medalla. O importante é que Santiago resolva problemas históricos que levaban demasiado tempo sen resposta. E este era un deles”, afirmou.

O líder popular aproveitou tamén para facer unha reflexión sobre o modelo de cidade que necesita Santiago e asegurou que os grandes avances prodúcense cando existen responsables públicos capaces de impulsar propostas e implicarse nos asuntos importantes.

“As cidades avanzan cando hai iniciativa, cando hai capacidade para propoñer solucións e cando os responsables públicos se implican nos grandes debates da cidade e están presentes nos momentos importantes para o futuro de Santiago”, explicou.

Por iso, insistiu en que Santiago necesita “máis ambición, máis presenza e máis capacidade para liderar proxectos importantes para o futuro da cidade”.

Verea destacou ademais que o Hospital Clínico é unha infraestrutura esencial para toda Galicia, pero tamén un espazo fundamental na vida diaria de milleiros de composteláns, polo que mellorar a súa accesibilidade, os accesos, a capacidade de estacionamento e a integración da súa contorna supón tamén mellorar a cidade.

Así mesmo, mostrou o seu desexo de que a actuación avance coa máxima rapidez para que os cidadáns poidan comprobar os seus efectos canto antes.

“Santiago necesita menos debates estériles e máis solucións útiles, como esta, para mellorar a vida diaria da xente”, concluíu.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.