PUBLICIDADE

O XIX Encontro coa Arte homenaxeará a Xosé Neira Vilas e reunirá a 27 artistas do 3 ao 5 de xullo en Brión e Vila de Cruces

O programa inclúe obradoiros de acuarela e modelado, inauguración de dúas exposicións de arte, un concurso de pintura, un mercado da arte e tres xornadas de pintura do natural en Brión e Vila de Cruces

Un total de 27 prestixiosos artistas de distintos lugares do territorio nacional participarán no XIX Encontro coa Arte: lembrando a Xosé Neira Vilas, que terá lugar en Brión do venres 3 ao domingo 5 de xullo. “Trátase dunhas xornadas de convivencia e creación artística que reúnen en Brión a pintores, músicos, fotógrafos e escritores de toda España que, ao longo de tres días, participan en diferentes actividades de difusión das artes plásticas abertas a toda a cidadanía”, explica Sandy Cebral, concelleira de Cultura.

Seguindo o exemplo de edicións anteriores, os Encontros non estarán cinguidos exclusivamente a Brión. Se en anteriores convocatorias se visitaron municipios como Ames, Negreira, Noia, Padrón, Rois, Rianxo ou Porto do Son, nesta ocasión está prevista unha sesión de pintura ao natural en Ponteledesma (Vila de Cruces) o sábado 4 de xullo; e unha ofrenda floral a Xosé Neira Vilas na Igrexa de Santiago de Gres ás 17:00 horas, tras a que terá lugar unha visita á Fundación Xosé Neira Vilas. Xa de volta a Brión, ás 21:00 horas asistirán a unha homenaxe a Neira Vilas de man de Candido Pazó coa obra “Memorias dun neno galego”.

Artistas participantes

PUBLICIDADE

Os 27 artistas participantes no XIX Encontro coa Arte: lembrando a Xosé Neira Vilas son: África de la Llave, Alba Roqueta, Ángel Contreras, Carmen Hermo, Caxoto, Cristóbal Garrido “Toba”, Chelo Rodríguez, Diego Fernández Columé, Fernando Yáñez, Frutos Casado de Lucas, Isabel Pintado, Iván Prieto, Joaquín Cortés, José A. Regidor, José Galarzo, Laureano Vidal, María Carmen Martínez, María Manuela, María Xesús Díaz, Mariano Casas, Miguel Anxo Varela, Montserrat Valera Mud, Paco Casal, Ricardo Rilo, Siro, Veiras Manteiga e Xosé Vázquez Castro.

As súas obras estarán a disposición da veciñanza de Brión no Mercado da Arte, habilitado na Sala Municipal de Exposicións de Brión, onde poderán mercarse obras dos autores presentes. O horario de apertura é: venres, de 16:30 a 21:00 horas; sábado, de 9:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas; e domingo, de 10:00 a 14:00 horas.

Programación

O XIX Encontro coa Arte abrirá as súas portas este venres 3 de xullo cuns obradoiros de pintura de acuarela e modelado a cargo de José A. Regidor, Frutos Casado, José Galarzo e María Carmen Martínez. De participación gratuíta, terán lugar na contorna da Carballeira de Santa Minia de 10:00 a 12:30 horas.

Ás 13:30 horas terá lugar a recepción oficial do alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, no centro social poliivalente, onde inaugurará a exposición “Siro. A vida nun lápis”. De 16:30 a 19:30 horas terá lugar a primeira sesión de pintura ao natural no adro da igrexa de Bastavales, así como a oitava edición do Concurso de Pintura e Debuxo Infantil e Xuvenil, dirixido a rapazas e rapaces de 4 a 17 anos. A participación é totalmente de balde e non é precisa inscrición. Ás 18:00 horas terá lugar unha visita teatralizada á igrexa de Bastavales de man de Os Quinquilláns.

Os premios serán entregados ás 21:00 horas na sala municipal de exposicións, durante a inauguración da exposición coas obras doadas no XVIII Encontro coa Arte Lembrando a Xosé Vizoso, celebrado en 2024.

O XIX Encontro coa Arte rematará o domingo 5 de xullo cunha derradeira xornada de pintura do natural no Paseo do Rego Pego, de 10:00 a 13:30 horas. Tras o xantar de despedida, cada artista escollerá unha das obras realizadas durante estes tres días, que será doada ao Concello de Brión, pasando a formar parte da Colección de Arte de Brión.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.