O Concello de Cedeira adxudicou por 135.520 euros a obra de mellora de pavimentación de once camiños municipais. Suman preto de catro quilómetros de percorrido e están situados en diferentes parroquias da zona rural. A empresa adxudicataria ten un prazo de cinco meses para completar a actuación, que consistirá na renovación do tratamento superficial, a limpeza das marxes e adecuación de cunetas e drenaxe da auga.
O Concello de Cedeira aborda esta actuación que con financiamento do POS+2025, no marco do programa continuado de mantemento das pistas de titularidade municipal. Os camiños nos que se vai actuar son os 799 e 795, que van de Cimadevila á DP 2202; o 634 da Riba; o 669 de Penadaguía-Fragoso-DP 2202; o 676 de Fragoso; o 576 de Penadaguía; o 96 do Beco; o 86 da rúa Floreal; o 163 do Lugar Agrochao a San Cosme de Piñeiro; o 147 do Lugar Agrochao e o 192 de Esteiro ao Camiño Real da Madalena. Son vías de diferente lonxitude, desde os 35 metros do máis curto ata os 810 do máis longo. Tamén presentan diferentes anchos, de 2,6 a 4,50m.
O proxecto concreta os traballos que se van acometer en cada caso, en función do estado de cada camiño e a intensidade do tránsito rodado. A finalidade é mellorar a seguridade da circulación e garantir a durabilidade das solucións adoptadas.
Entre os anos 2024 e 2025, o Concello de Cedeira investiu máis de 687.000 euros no arranxo de 25
camiños de titularidade municipal e a mellora de seis rúas do casco urbano.




