PUBLICIDADE

Os concellos poden solicitar axudas para mellorar os seus espazos culturais

PorBisbarra

Martes, 14 Abril 2026
A delegada da Xunta visitou as obras de mellora da accesibilidade na Casa de Cultura da Laracha realizadas co apoio da Xunta grazas a esta orde de axudas

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo,  acompañada polo alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, visitou esta mañá, a Casa de Cultura na que se levaron a cabo obras para mellorar a súa accesibilidade cun apoio da Xunta de 10.000 euros recibidos a través das axudas, en concorrencia competitiva,  para modernizar e acondicionar espazos de xestión municipal como son bibliotecas, axencias de lectura ou auditorios, entre outros da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O investimento total da actuación en colaboración co Concello foi de máis de 23.300 euros.

Belén do Campo lembrou que este Concello recibiu tamén unha achega de máis de 1.500 euros do programa de subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego, outra de case 2.500 para a mellora das súas colección bibliográficas e máis de 2.400 euros para dinamización da lectura en bibliotecas públicas ou axencias de lectura o que eleva os apoios directos desta Consellería a case 16.400 euros.

A representante do Goberno autonómico destacou que a Casa da Cultura, é un espazo de referencia que acolle unha ampla variedade de actividades culturais e que presta servizo aos 11.623 habitantes do municipio.  En relación coa actuación explicou que a obra realizouse para mellorar as condicións do edificio, especialmente na planta soto, onde se detectara a necesidade de acometer actuacións de mantemento e conservación.

PUBLICIDADE

Entre as actuacións executadas destacan a renovación do espazo escénico mediante o pintado en cor negra dos paramentos, teitos, rieles e estrutura da pantalla con pintura acrílica satinada e lavable, o que contribúe a optimizar as condicións técnicas do escenario. Ademais, procedeuse á adquisición e instalación de novo equipamento de son e iluminación, incluíndo unha mesa de mesturas dixital, un caxetín dixital e tres focos de iluminación.

Un dos elementos máis salientables da intervención é a incorporación dunha plataforma vertical móbil de curto percorrido no escenario do auditorio, unha solución que mellora significativamente a accesibilidade. Este dispositivo permite ás persoas usuarias superar as diferenzas de altura de maneira autónoma, garantindo así a igualdade de acceso e a inclusión.

Grazas a estas actuacións, a Casa da Cultura da Laracha reforza a súa funcionalidade e capacidade para acoller eventos, contribuíndo a ampliar e consolidar a oferta cultural do municipio. Os traballos están xa completamente rematados, cumprindo coas previsións establecidas na memoria xustificativa presentada.

A delegada destacou a importancia de seguir investindo en equipamentos culturais como motor de cohesión social e dinamización local, subliñando o compromiso da Xunta coa mellora da calidade de vida da cidadanía.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.