PUBLICIDADE

Cedeira merca dúas parcelas para o futuro centro de saúde

Con estas dúas parcelas máis outra de titularidade municipal, Cedeira porá a disposición da Consellería de Sanidade 3.665 m2.Con estas dúas parcelas máis outra de titularidade municipal, Cedeira porá a disposición da Consellería de Sanidade 3.665 m2.

O Concello de Cedeira formalizou a adquisición de dúas parcelas lindeiras á de titularidade municipal na que se vai levantar o novo centro de saúde. Así, a administración local porá a disposición da Consellería de Sanidade 3.665 m2 para usos sanitarios.

Nesta liña, o Goberno municipal está a tramitar unha modificación puntual do PXOM, necesaria para darlle ditos usos aos terreos. Así mesmo, tamén abrirá a porta á urbanización doutros 3.781m2 coa apertura completa da rúa Río da Veiga, conectando Pitilleira e a rúa Deportes e dando paso á creación de 44 prazas de aparcamento.

O Concello de Cedeira xa comunicou á Consellería de Sanidade estas operacións para adecuar a parcela resultante ás necesidades do Sergas. A continuación, procederase á cesión dos terreos. Neste senso, a Xunta cuantificaba as necesidades en pouco máis de 2000 m2 construídos. Porén, o municipio pon á súa disposición un total de 3.665m2, nos que a planificación vai permitir construír baixo e unha altura.

PUBLICIDADE

DÚAS PARCELAS, MÁIS DE 1.500 METROS CADRADOS

As dúas parcelas compradas están na rúa Río da Veiga, a continuación da que xa era de titularidade municipal. Unha delas ten 1.109 metros cadrados de superficie e a compra formalizouse por 53.232 euros. A outra ocupa 464 metros cadrados e o seu custo foi de 22.272 euros. A suma das superficies en catastro chega a 4.144m2. Non obstante, a planificación urbanística representa na práctica 3.665m2.

Cedeira adquiriu as dúas parcelas por un total de 75.504 euros.
Cedeira adquiriu as dúas parcelas por un total de 75.504 euros.

A modificación puntual do PXOM que está a tramitar o Concello abranguerá un espazo maior que o que se vai ceder á Consellería de Sanidade. En total, afecta a máis de 7.000 metros cadrados nos que está a parte de usos sanitarios e a urbanización da zona, incluíndo as 44 prazas de aparcamento, cun total de 3.781 m2. O Concello prevé así completar a apertura da rúa Río da Veiga creando prazas de aparcamento, beirarrúas e zonas verdes e conectando as rúas Pitilleira e Deportes.

O proxecto da Consellería de Sanidade de construír un novo centro de saúde en Cedeira está clasificado como de prioridade 1 no Plan de Infraestruturas do Sergas. Contempla unhas instalacións que darán cobertura a 6.500 persoas. No caso do Punto de Atención Continuada, ascenderán ata 10.000, xa que atenderá a xente doutros municipios, como Valdoviño e Cerdido. No tocante ao servizo de fisioterapia, chegará ata 15.500 potenciais usuarios, xa que abranguirá a poboación de Cedeira, Valdoviño, Cerdido, Moeche e As Somozas.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.