O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, asistiu á inauguración dos novos talleres de cociña do Centro Integrado de FP Vilamarín. Nesta ampliación a Xunta de Galicia investiu preto de 800.000 euros. No acto tamén estiveron o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, así como membros do centro educativo.
O presidente provincial puxo en valor o auxe da Formación Profesional na provincia e fixo referencia á cooperación institucional como eixo estratéxico na Deputación no liderado de iniciativas como as da rama educativa. Durante a visita, subliñou a calidade das instalacións e a oportunidade que suporán estas melloras para a mocidade ourensá.
MÁIS TALLERES NA ÁREA DE PASTELERÍA
A ampliación tivo como principal finalidade solucionar a falta de espazo nos talleres de cociña, nomeadamente no referido á area de pastelería. Para iso, construíuse un novo edificio pegado ao actual na parte norte, cunha superficie de 955 m² construídos. Na planta soto sitúanse os vestiarios e zonas destinadas a materiais de limpeza, mentres que a baixo cuberta se dedica a almacenaxe de material e distintos utensilios de cociña.
A planta baixa, con acceso desde a zona de cociñas existente, está dotada de tres aulas-taller; unha de panadería e dúas de pastelería. Conta, ademais, cun despacho dedicado á venda de produtos realizados nas aulas e un corredor traseiro para sacar o lixo e os refugallos sen interferir coa actividade docente.

COMPROMISO PROVINCIAL COAS INICIATIVAS EDUCATIVAS
O presidente provincial lembrou que a Deputación de Ourense mantén o seu compromiso con diversas iniciativas educativas. Entre elas, a recente Feira de Educación celebrada en Expourense ou o impulso ao Centro de Innovación de Formación Profesional Eduardo Barreiros, vangarda da formación e que se puxo en marcha grazas á colaboración entre a Xunta e a Deputación.
Pola súa banda, o conselleiro de Educación destacou esta actuación como “unha oportunidade para que o CIFP Vilamarín poida seguir medrando como referente no sector da hostalaría e turismo, familia profesional na que se centra desde hai anos”.