O Concello de Barbadás renovará 581 vellas luminarias por tecnoloxía LED. Neste senso, o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) aprobou o terceiro proxecto de modernización que o Concello presenta ante o organismo estatal. O obxectivo é cambiar e optimizar as instalacións eléctricas municipais, ademais de reducir o gasto enerxético e económico e a contaminación luminosa.
A actuación permitirá reducir nun 83% o gasto enerxético nos núcleos de Barbadás e Bentraces, que desfrutarán dunha iluminación máis eficiente e de maior calidade. O proxecto aprobado polo IDAE ascende aos 350.984,24 euros e inclúe 581 luminarias repartidas en nove instalacións de alumeado público. “A actuación faise a través dun préstamo a dez anos, xa contemplado nos orzamentos anuais”, explicou Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Servizos Públicos.
A renovación das iluminacións é unha aposta do Goberno local por mellorar e optimizar o servizo, pero tamén por reducir a contaminación luminosa, na liña de aforro enerxético marcado polo Goberno central e pola Unión Europea.
A edil salientou que a actuación suporá a modernización dun alumeado obsoleto e fixo fincapé nos estritos requisitos deste tipo de préstamos. A renovación conta cun prazo de 12 semanas para a súa execución, polo que nas próximas semanas a poboación comezará a ver os cambios nas instalacións e nos cadros.
AVANCE NA TECNOLOXÍA LED
Os dous anteriores proxectos do Concello de Barbadás aprobados polo IDAE permitiron substituír vellas luminarias por tecnoloxía LED nos núcleos de Parada e Sobrado e en sete rúas da Valenzá.
Ao marxe dos préstamos concedidos polo IDAE, Barbadás foi un concello pioneiro na modernización da iluminación pública. Neste sentido, o Goberno local leva cambiado con fondos propios nos últimos anos as luminarias das localidades de Piñor e Finca Fierro.