A xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou solicitar unha axuda do programa de corrección de impactos paisaxísticos do Instituto de Estudios do Territorio para levar adiante a recuperación dos lavadoiros do Beco, Malde e Tilde. O primeiro está situado na parroquia de San Cosme de Piñeiro e os outros dous na de Santa María de Régoa.
O proxecto ten un orzamento de 29.205,92 euros e significará un paso máis no programa de rehabilitación deste tipo de elementos da arquitectura popular, testemuñas da vida social e os traballos cotiás doutros tempos.
Tanto a construción do Beco como a de Malde son fontes e lavadoiros, mentres que a de Tilde é exclusivamente lavadoiro. Os tres presentan un estado avanzado de abandono e gran parte das súas estruturas están cubertas pola vexetación, coas súas canalizacións tupidas e mesmo sen auga nalgún caso. As obras incluirán limpar e rozar de maleza todas as construcións, así como a reparación das fendas e a substitución dos elementos deteriorados, entre eles os caños.

O Goberno local cedeirés avanzou durante a última década neste programa de recuperación das fontes e lavadoiros. Trátase de elementos moi importantes historicamente na vida da xente, espazos de encontro e tamén de traballo, que caeron no abandono.
A rehabilitación destes tres lavadoiros súmase a outras xa executadas, en varias ocasións ao abeiro do mesmo programa de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos. Máis en concreto, traballouse nas fontes das Saíñas, Fernando Lago, do Areal, da Barca, Vilar, Vila do Río, Penela e Peneiro.




