A Escudería Siroco, organizadora do Rally Cidade de Narón da Copa de España de Asfalto, recibirá un investimento de 20.000 euros para esta edición
Antonio Sueiras e Ramiro Fandiño, presidente e vicepresidente da Escudería Siroco, organizadora do Rally Cidade de Narón, mativeron, o pasado 14 de febreiro, unha reunión coa delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, na que lles trasladou o respaldo e compromiso do Goberno galego co Rally Cidade de Narón, cita do motor pertencente á Copa de España de Rallyes de Asfalto (CERA-RECALVI), e que é unha referencia no noroeste peninsular.
Martina Aneiros tamén se interesou por coñecer as actividades e os proxectos nos que se atopa inmersa agora a escudería, e para seguir avanzando na colaboración entre ambas entidades. No caso do Rally Cidade de Narón, que organiza a Escudería Siroco, o Goberno galego apoia a edición deste ano cun investimento de 20.000 euros.
Este encontro enmárcase na rolda de contactos que a delegada territorial da Xunta en Ferrol vén mantendo co tecido asociativo da zona co obxecto de coñecer de primeira man as súas necesidades e demandas relacionadas coa Administración autonómica.



