Cobre San Rafael ven de presentar un proxecto para a produción do primeiro 100% cobre sostible galego e que foi declarado pola Xunta de Galicia como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) en xuño de 2024. A compañía galega atópase agora inmersa en impulsar unha iniciativa tractora para a industria galega cos máis altos estándares medioambientais e incorporando as mellores prácticas europeas do sector.
Ante esta nova tramitación, Cobre San Rafael non vai continuar coa vía xudicial respecto á Declaración de Impacto Ambiental (DIA) en relación ao proxecto anterior presentado en 2017. A empresa, que interpuxera un recurso contencioso-administrativo en abril de 2021 solicitando a revisión da resolución, confirma agora que, independentemente do fallo dos tribunais, non emprenderá novas accións legais.
Este novo deseño parte das recomendacións recollidas nos informes técnicos derivados do proxecto anterior, e das peticións realizadas nas máis de 200 reunións mantidas con organización locais, veciñanza e representantes do tecido económico e industrial galego. O obxectivo é demostrar que a nova proposta non só cumpre con toda a normativa europea e estatal, senón que incorpora as Mellores Técnicas Dispoñibles (MTD) para garantir e superar os esixentes requisitos ambientais e sociais demandados pola administración e a cidadanía.
UN PROXECTO RENOVADO
Cobre San Rafael deseñou un novo plan con melloras significativas, os condicionantes dos informes sectoriais e os cambios normativos: un maior nivel de detalle técnico, novas medidas preventivas e correctoras, e a adaptación ao marco normativo actualizado, como o Plan Hidrolóxico 2021-2027 e a Lei Europea de Materias Primas Fundamentais, que se materializa no Regulamento (UE) 2024/1252. Inclúe a mellora das medidas de protección para os recursos hídricos, incorporando sistemas de control máis avanzados para evitar calquera posible afección sobre a contorna natural, mesmo en circunstancias climáticas extremas.
Ademais, o novo Plan de Recuperación Ambiental inclúe o antigo depósito mineiro, un pasivo ambiental histórico orixinado pola mina pechada en 1986. Este compromiso amplía o impacto positivo do proxecto, froito da visión integral e responsable de Cobre San Rafael, xa que segundo a lei non ten obrigación de restaurar o pasivo xerado por un terceiro. Integra, ademais, o proxecto da liña eléctrica necesario para o funcionamento da mina.
SEGURIDADE E EFICIENCIA
O novo proxecto introduce melloras substanciais en materia de seguridade e operatividade. O depósito de estériles (DEP1), foi redeseñado para incluír tecnoloxías innovadoras como un espesador de estériles, unha cela independente para a auga sobrenadante e un reforzo estrutural do dique. Este novo deseño supera con moito os factores de seguridade marcados por á normativa nacional vixente (Real Decreto 975/2009), e cumpre co Estándar Global de Xestión de Relaves para a Industria Mineira (ICMM 2020).
En definitiva, a compañía móstrase moi satisfeita co nivel de calidade e detalle da súa nova proposta, convencida de que despexa calquera dúbida exposta no proceso anterior, e segue centrada en impulsar este proxecto de produción de cobre sustentable galego, que espera converterse nun referente en minería responsable en Europa e nun fito para a industria galega. Así mesmo, confía no rigor e na obxectividade da administración e dos seus técnicos, que avaliarán esta nova proposta con criterios de sustentabilidade, seguridade e viabilidade, tal e como demostraron ao longo da tramitación do proxecto anterior.