Cobre San Rafael, a empresa promotora do proxecto de reactivación da mina de Touro-O Pino, continúa unha semana máis coa súa campaña de recrutamento achegando información directa sobre as súas ofertas de emprego ás feiras locais. Este mércores, 30 de outubro, a furgoneta da compañía estivo presente na Feira de Ordes, onde se proporcionou información detallada sobre as vacantes dispoñibles.
A oferta de emprego é de 400 postos de traballo directos, estables e a tempo completo, en diversas áreas, como operacións mineiras, mantemento industrial, xestión ambiental, seguridade e saúde laboral, e administración. A iniciativa ten como obxectivo captar tanto profesionais cualificados como persoas sen experiencia previa, para reforzar así o tecido socioeconómico das comarcas veciñas.
Neste sentido, un dos compromisos da empresa é dar prioridade na contratación aos residentes das comarcas limítrofes coa mina, garantindo así que o impacto positivo do proxecto se sinta, en primeiro lugar, entre os veciños. Ademais, impulsaranse iniciativas para a formación continua, o que permitirá que tanto empregados como persoas que queiran entrar no sector adquiran as competencias necesarias para desenvolver o seu traballo con seguridade e eficiencia.
MOTOR DE CRECEMENTO DA COMARCA
A comarca de Arzúa, que leva anos experimentando un preocupante declive demográfico, con caídas de poboación de ata un 40% nalgunhas zonas, atópase nun momento crítico. Neste contexto, o Proxecto Cobre San Rafael aspira a ser un motor de cambio, mitigando a situación do desemprego nos concellos de Touro e O Pino e axudando nas estratexias para fixar poboación.
A fase inicial do proxecto contempla a creación de 400 postos de traballo directos, coa previsión de que ao mes catorce dende o inicio da actividade mineira, arredor de 800 persoas estean xa empregadas en diversas áreas. En total, estímase que o proxecto xere 1.600 postos de traballo, entre directos, indirectos e inducidos, exercendo un impacto transformador nunha rexión que leva anos loitando contra o despoboamento e a falta de oportunidades económicas.