O presidente provincial, Luís Menor, participou na presentación da primeira audioguía dixital que relaciona o patrimonio local e comercio local no Concello de Celanova. Así, a Deputación de Ourense resalta de novo a importancia da colaboración entre entidades. “Seguiremos a desenvolver as políticas que máis beneficien e apoien aos municipios da provincia”, subliñou Menor.
Con esta innovación, o casco histórico de Celanova convértese no “primeiro espazo aberto de carácter monumental de Galicia que conta cunha audioguía dixital multimedia para que os visitantes poidan ser guiados polas rúas comerciais a través do patrimonio local”.
Esta iniciativa é froito da colaboración entre a Deputación de Ourense e a Asociación de Comerciantes CHEA, coa cofinanciación de Fondos Next Generation. Así pois, pretende dinamizar a economía do comercio local a través da dixitalización do material turístico en papel, creando a primeira audioguía dixital aproveitando o potencial turístico da zona monumental.
Os usuarios poderán obter esta audioguía a través dun código QR que se lle facilitará gratuitamente nos comercios adheridos a esta iniciativa. Así, poderán escoitala no seu teléfono móbil, quedando no dispositivo para poder acceder á información noutro momento.
“Da man da cooperación institucional seguimos dando pasos firmes para a posta en valor do noso territorio provincial, ofrecendo ferramentas para que os municipios poidan desenvolver políticas de proxección turística innovadoras e produtivas”, explicou Luis Menor. Neste senso, mostrou o seu convencemento de que “esta audioguía suporá un antes e un despois na política de promoción turística do municipio”.