O Concello de Cedeira desenvolve o proxecto “Gastromar Cedeira”, cun showcooking da man do chef Adrián Pérez. O cociñeiro premiado como mellor creador de tapas de Galicia ofreceu unha sesión formativa práctica para ensinar como empregar o produto local, como pescada, raia ou vieiras.
O proxecto “Gastromar Cedeira”, organizado pola administración local, conta co financiamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña-Ortegal. O obxectivo é achegar á hostalaría local as distintas posibilidades e aplicacións da materia prima do mar aos seus negocios.
Deste xeito, preténdese reforzar as relación locais entre o sector do mar e o da hostalaría. Para iso, promóvese o uso de especies mariñas da zona e a súa transformación na cociña, ofertando produto quilómetro 0 á veciñanza e visitantes. Ademais, lógrase poñer en valor a lonxa e a Confraría, fomentando a comercialización de todo tipo de especies mariñas e subprodutos.
“Gastromar Cedeira” é unha aposta do Concello de Cedeira para revalorizar o sector mariñeiro a través de actividades orientadas a diferentes públicos. Ademais destas accións formativas, destacan as aulas mariñeiras para o alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos locais, rutas guiadas para o público xeral, exposicións exteriores sobre as xentes do mar, a gastronomía, o coidado e conservación do medio ou o consumo responsable; e accións de comunicación para a difusión das actividades do proxecto.