O Concello de Ferrol reclama á empresa Cinnia Tech S.L.U. o abono de 6.164,35 euros polo custe da reparación do pavimento no Sánchez Aguilera. Así o informou o concelleiro de Servizos, José Tomé, tras a comisión de Urbanismo. Esta reclamación respáldase nos artigos 194, 243 e 244 da Lei 9/2017de 8 de novembro de Contratos do Sector Público, en concepto de indemnización por danos e prexuízos.
O edil lembrou que o contrato de reparación do pavimento no Sánchez Aguilera foi adxudicado á empresa Cinnia Tech S.L.U. o 3 de febreiro do 2023, por un importe de 47.710,41 euros. Os traballos comezaron o 20 de marzo e remataron o 5 de abril do mesmo ano. Consistiron na reposición do firme de rodaxe nas áreas de actuación, mediante a achega dun firme estabilizado a base de áridos e aditivos Corpi Seal y Carpi Direct Plus, en obra con planta dosificadora móbil, co sistema PR-ECO ESTABL, cun espesor de 20 centímetros compactado mecanicamente.
DETERIORACIÓN DA ACTUACIÓN NO SÁNCHEZ AGUILERA
Non obstante, apreciáronse deficiencias nunha pequena parte do executado, por mor dunha apertura prematura ao tránsito de vehículos. Así pois, instouse á empresa a que procedera á súa reparación, que realizou o 5 de xuño do 2023.
Na actualidade, as zonas de actuación presentan fochas en gran parte da súa superficie, con especial profundidade nas zonas de acceso á explanada, o que pode causar danos aos vehículos. Ditas fochas supoñen unha deterioración similar ao que tiña o pavimento antes da actuación, transcorridos só seis meses dende a súa finalización. Neste sentido, non respondeu á durabilidade esperada da intervención, nin cumpriu coas expectativas de estabilidade do pavimento empregado.
Deste xeito, o informe municipal considera que a obra sofre unha deterioración grave incompatible coa súa función. O documento indica que os defectos observados son debidos a unha deficiente execución das obras e non ao uso previsto do construído, estando as mesmas dentro do prazo de garantía mínimo dun ano.
INACCIÓN DA EMPRESA ADXUDICATARIA
O concelleiro de Servizos recordou que o 10 de novembro do 2023 outorgouse á empresa trámite de audiencia para que presentara alegacións ou aportara a documentación que estimara oportuna. A finais dese mes, a adxudicataria comunica, entre outros extremos, que ían proceder á emenda dos puntos danados.
O pasado 5 de xaneiro, a concellería de Servizos dirixiu de novo un escrito á empresa para que procedera, con carácter de urxencia, á reparación das deficiencias. Despois deste requirimento, a empresa non procedeu, polo que se emitiu un segundo informe técnico que dá conta de que as deficiencias non foron emendadas, polo que se estima debe actuarse ao abeiro do previsto na normativa de aplicación.
O pasado mes de xullo, concedeuse de novo trámite de audiencia á empresa para os efectos oportunos, sen obter resposta algunha. Ante esta situación, o Concello de Ferrol adopta a resolución de impoñer á empresa Cinnia Tech S.L.U o abono á administración local da cantidade de 6.164,35 euros. Esta cifra resulta do cálculo do custo dos traballos para a reparación das zonas deterioradas.
Finalmente, o concelleiro de Servizos ferrolá sentenza que “as adxudicatarias das obras deben responder coas garantías das mesmas e do contrario vémonos na obriga das reclamación oportunas”.