O Concello de Ferrol aprobou o proxecto técnico modificado para a cubrición da área de xogos infantís na praza do Inferniño. Así, segundo explicou o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, danse os primeiros pasos para habilitar o primeiro parque infantil cuberto do municipio.
O proxecto inicial foi modificado, xa que o custo superaba os 467.000 euros, unha cantidade que “consideramos excesiva para dita actuación”, matizou o rexedor ferrolán. Segundo o proxecto de modificación, o orzamento rondaría os 270.000 euros, un 57% menos do previsto no inicial. Así pois, trátase de deseñar unha cuberta que ofreza certa protección á área de xogos infantís fronte aos axentes meteorolóxicos.
Neste senso, o proxecto reflicte a construción dunha cuberta a catro augas duns 360 metros cadrados. A estrutura sobre a área de xogos infantís da praza do Inferniño será de aceiro galvanizado e cuberta con policarbonato alveolar. Os diferentes panos de cuberta terán a súa parte máis baixa en torno aos 4,6 metros de altura e a máis alta, sobre 5,60 metros.
No tocante á posición da cuberta, o seu centro coincide practicamente co centro das distintas circunferencias que se trazaron para definir os espazos desta zona; é dicir, zona de xogo, muro perimetral, límites da zona axardinada…. Así pois, a súa contorna abrangue toda a zona de xogos e case toda a superficie de caucho. En canto á elección da altura da cuberta, responde ao equilibrio entre a premisa de manter un espazo fluído e a protección fronte a choiva ata un certo grado de inclinación.
ACTUACIÓNS COMPLEMENTARIAS
Como actuacións complementarias, executarase unha nova rede de drenaxe superficial que recolla as pluviais da cuberta. Así mesmo, incorporarase unha nova instalación de iluminación pública para a zona de xogos e rehabilitaranse os xogos existentes. O proxecto prevé a instalación de luminarias tipo tira LED nas correas da cuberta. Deste modo, garantirase unha iluminación integrada no sistema estrutural, alta e homoxénea na zona de xogos.
Agora, o seguinte paso é a licitación da actuación. “Queremos que os nenos e nenas poidan desfrutar deste parque durante todo o ano, coa cuberta faremos fronte ás inclemencias do tempo”, finalizou o rexedor.