O proceso de recrutamento que Cobre San Rafael está a desenvolver no marco da súa campaña “Talento en marcha” continúa avanzando a bo ritmo e con gran acollida por parte da comunidade local. Ata o momento, a compañía leva realizadas máis de 220 entrevistas persoais con persoas interesadas en formar parte da futura operación da mina de cobre, chamada a converterse nun dos principais motores económicos e laborais da comarca.
Durante as últimas semanas, o equipo de traballo de Dest People, empresa de xestión estratéxica de persoas e que acompaña a Cobre San Rafael no deseño e implantación da estrutura organizativa e políticas de xestión de persoas, intensificou o contacto cos perfís profesionais máis demandados nesta segunda fase. Sobre este proceso, Alba Gil, People Project Manager de Dest People, responsable do proxecto, sinala que “o interese pola campaña está a superar as expectativas. Estamos a observar como os perfís locais se adaptan e reorientan as súas competencias, o que nos permite non só cubrir as vacantes necesarias, senón tamén optimizar a colocación de profesionais en postos que se axusten á súa experiencia e motivación actual”.
O proceso, que inicialmente se centrou en perfís de movemento de terras, está agora enfocado nos electricistas, mecánicos industriais, caldereiros e soldadores, áreas fundamentais para a posta en marcha das instalacións e para a estrutura inicial do cadro de persoal.
No ámbito dos perfís de movemento de terras, Cobre San Rafael completou xa máis de 190 entrevistas con profesionais do sector, ás que se engadirán novas convocatorias derivadas dos currículos recibidos recentemente. Estes postos resultan esenciais para a preparación do terreo e o desenvolvemento das primeiras fases operativas da mina.
En canto aos perfís eléctricos, o equipo de selección realizou ata o momento 15 entrevistas. Moitos dos candidatos presentan perfís mixtos, con competencias tanto en electricidade como en electromecánica ou mecánica industrial. Paralelamente, continúa o traballo de avaliación e filtraxe de novos currículos, cun foco especial nos perfís de mecánica industrial e caldereiros, que serán determinantes para o mantemento e funcionamento técnico das instalacións.
O seguinte proceso de recrutamento estará centrado en soldadores, un grupo profesional esencial para o desenvolvemento técnico do proxecto. Perfís técnicos e enxeñeirís, entre eles químicos e enxeñeiros de minas, dada a alta demanda e o volume de candidaturas recibidas, comezarán a ser entrevistados nunha terceira fase.
Todo este proceso forma parte dunha estratexia de contratación planificada e progresiva, deseñada para garantir a incorporación de persoal cualificado, comprometido e preparado para desenvolver unha minaría moderna, segura e sostible, aliñada cos estándares europeos máis esixentes.
NOVAS OPORTUNIDADES LABORAIS NA COMARCA
O Proxecto Cobre San Rafael nace coa vontade de converterse nun motor de reindustrialización responsable para Galicia, especialmente nos concellos de Touro e O Pino. Na súa primeira fase, prevese a creación de máis de 420 empregos directos, todos eles con contrato indefinido, a xornada completa e con condicións laborais estables e seguras. En total, estímase que a iniciativa xerará máis de 1.600 empregos entre directos, indirectos e inducidos.
As oportunidades laborais abranguen áreas tan diversas como operacións mineiras, planta de tratamento de mineral e de augas, laboratorio, administración, compras e almacén, medio ambiente, seguridade e saúde, así como vixilancia e control de accesos. Deste xeito, o proxecto contribuirá a diversificar o mercado laboral da comarca, ofrecendo saídas profesionais tanto a persoas con experiencia previa como a aquelas que buscan unha nova oportunidade de emprego cualificado.
A compañía aposta tamén pola formación como eixo estratéxico do proxecto, deseñando programas de capacitación técnica adaptados a cada perfil profesional. O obxectivo é que tanto os novos empregados como os profesionais locais poidan mellorar as súas competencias, garantindo a súa adaptación ás tecnoloxías e procesos dunha minaría de última xeración, e desenvolvendo carreiras profesionais a longo prazo.
As persoas interesadas en participar no proceso de selección poden continuar enviando o seu currículo á dirección de correo electrónico info@cobresanrafael.gal.



