O Colexio de Enxeñeiros uniuse a outros colexios profesionais, entidades e asociacións para pedir un pacto de Estado e apoiar esta Iniciativa Lexislativa que permita modificar a Lei para que prime a vida humana no caso de desastres naturais
O Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia sumouse á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para modificar a Lei de Augas e protexer a vida humana fronte a secas, inundacións e fenómenos naturais extremos, así o fixo durante un encontro na Cidade da Cultura de Santiago no que participaron outros colexios profesionais, entidades e asociacións.
Enrique Urcola, decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, asegurou durante a xornada que “o que se busca é engadir tres puntos ao artigo 14 da Lei de Augas: o respecto á vida humana, que os técnicos que desenvolvan os proxectos sexan competentes, e que se dote de orzamento para facer as obras que se consideren necesarias para o respecto da vida humana e da natureza”. Algo que parece tan evidente debe ser recollido explicitamente na lei porque pode ter consecuencias nefastas.
Para iso púxose en marcha esta ILP, que require de 500.000 firmas antes de maio do 2026. Ata o momento conseguíronse 6.500, polo que se pide á sociedade que se implique e firme esta petición (www.ilpleydeaguas.com). Como afirma José Luís Belmonte Puig, promotor desta ILP, “en España existe un grave problema coa xestión da auga e non se pode esperar que as administracións o solucionen. A sociedade civil non pode poñerse de perfil”.
Unha petición baseada en tres elementos: a protección expresa da vida humana; a dotación orzamentaria suficiente para mitigar as consecuencias dos riscos e desastres naturais como secas e inundacións; e a idoneidade técnica.
O decano da Demarcación da Comunidade Valenciana do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos, Javier Machi Felici, que falou sobre a traxedia ocorrida hai un ano e asegurou que “reconstruír non é refacer o que se estragou, senón facelo pensando no futuro, en que sexan sistemas máis resilientes”, precisou Machi.
A importancia das obras hidráulicas quedou patente co papel que xogaron os encoros de Tous e Forata. Pero tamén a necesidade de implantación de sistemas de mellora dos datos meteorolóxicos con diferentes actuacións como ampliacións de leitos, zonas de retención… e unha cultura de risco que implique a concienciación cidadá na coordinación de obras hidráulicas e a ordenación do territorio.
Nesa liña, Carlos Ruíz, xefe de Planificación Hidrolóxica da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, explicou como funcionan con modelos meteorolóxicos, que levan a modelos hidrolóxicos e, seguidamente, a hidráulicos. Nese sentido precisou que “dispoñemos de 5.000 sinais cada cinco minutos que se tratan no centro de control a través de diferentes limiares. Tamén contamos cun sistema de axuda á decisión cun prognóstico de 3 a 6 días. Todo iso calíbrase e mellora cada ano”. Ademais, Ruíz anunciou que están a desenvolver o Sistema Midas coa Universidade de Vigo e O Porto, entre outras.
Tamén mostrou apoio a esta iniciativa Roi Fernández Añón, director de Augas de Galicia, quen explicou que a súa entidade “proporciona ferramentas que permitan transformar as previsións meteorolóxicas aos modelos hidráulicos necesarios. E que dispoñen da ferramenta Merlín”.
Fernández tamén admitiu que o desenvolvemento das súas funcións administracións como Augas de Galicia atópase con dificultades que deben paliar a través da educación nos colexios e institutos, de medidas de consciencia do lugar no que un vive ou a través de cambios normativos como a inclusión do clarexo (o control da densidade de especies vexetais nas marxes dos ríos e masas de auga) na Lei de Pesca de Galicia, a funcionalidade das zonas de servidume, recollida na Lei de Augas de Galicia, entre outras.
Enxeñeiros reclaman un pacto de Estado
Finalmente, o presidente nacional do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos, Miguel Ángel Carrillo Suárez, reclamou “un pacto de estado para a execución dos plans hidráulicos previstos, especialmente na franxa mediterránea. Só cunha visión técnica, profesional e preventiva podemos evitar que se produzan episodios similares á Dana”.
Galicia non é allea a estes fenómenos. De feito, o MAPA prevé inundacións en 10 anos na ría de Ferrol e a comunidade tamén padece episodios de seca con importantes perdas económicas.
Para apoiar esta ILP sumáronse á xornada Javier Alonso Seoane, presidente da Agrupación industrial de Empresas de Enxeñería, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos de Galicia; Antonio Murillo Roldán, delegado en Galicia do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI; Luciano González Alfaya, decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Beatriz Spuch Sánchez, decana do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos; Diego Vázquez Reino, presidente da Agrupación industrial da Industria da Construción en Galicia “Galicia Constrúe”; José María Suárez Quintanilla, presidente da Unión Profesional de Galicia; Julio García Cordonié, decano do Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia; e Luis Ramírez Palacios, director da Escola de Enxeñeiros de Camiños da UDC. Todos destacaron a necesidade de conseguir que esta iniciativa sexa unha realidade.








