PUBLICIDADE

Fene inviste 100.000 euros no camiño dos Cadavás e o acceso ás praias

PorBisbarra

Xoves, 8 Maio 2025 , ,
Fene adicará 35.801,65 euros á mellora do camiño entre Os Cadavás e a pista deportiva de Magalofes.Fene adicará 35.801,65 euros á mellora do camiño entre Os Cadavás e a pista deportiva de Magalofes.

O Concello de Fene inicia dúas obras de mellora viaria que darán resposta a importantes necesidades da veciñanza en Magalofes e Limodre. Por unha banda, actuarase no camiño municipal que conecta Os Cadavás coa pista deportiva de Magalofes. Pola outra, mellorarase o camiño que dá acceso ás praias de Río Sandeo e Coído, no lugar de Rachabordos, unha zona de elevado tránsito nos meses de verán.

Na primeira das actuacións, contémplase a pavimentación do firme cunha nova capa de 5 cm de espesor, a limpeza das marxes ao longo do percorrido e o pintado da sinalización horizontal. Esta obra foi adxudicada por un importe de 35.801,65 euros e conta cun prazo de execución de tres meses.

No caso do camiño de Almieiras a Río Sandeo, que dá acceso ás praias, executarase unha nova capa de rodaxe sobre unha superficie de 3.654 metros cadrados, ademais da sinalización horizontal e vertical e a limpeza dos bordos. A actuación contempla tamén a creación dunha senda peonil na contorna dun aparcadoiro público e un acceso peonil existente, co obxectivo de garantir unha circulación segura e fluída para viandantes. Por outra banda, disporase unha nova canalización de formigón para as augas pluviais, que se evacuarán mediante un novo colector. Esta obra foi adxudicada por 68.760,44 euros e tamén ten un prazo de execución de tres meses.

PUBLICIDADE
No caso do camiño de acceso ás praias de Río Sandeo e Coído, Fene investirá  68.760,44 euros.
No caso do camiño de acceso ás praias de Río Sandeo e Coído, Fene investirá 68.760,44 euros.

O concelleiro de Obras, Manuel Polo; o alcalde de Fene, Juventino Trigo; e a concelleira Sandra Permuy desprázaronse á zona para supervisar o inicio das intervencións. Durante a visita, destacaron a importancia destas obras para a mellora da mobilidade e da seguridade viaria en puntos clave do municipio.

“Falamos de obras moi necesarias, que van mellorar tanto a circulación como a seguridade peonil, e que responden ao compromiso do Goberno local coa mellora continua das infraestruturas municipais”, declarou Polo. Nesta liña, apuntou que a creación dunha senda no acceso á praia é especialmente importante para reforzar a seguridade viaria nun punto moi concorrido no verán.

As dúas actuacións están financiadas con cargo ao Plan Único de Concellos POS+ 2024 da Deputación da Coruña, programa no que tamén se incluíu a obra de mellora de pavimentos e da rede de pluviais en Buios, cun orzamento próximo aos 180.000 euros. Con elas, o Concello de Fene continúa avanzando na renovación da súa rede viaria, combinando melloras estruturais co deseño de espazos máis seguros e accesibles para a veciñanza.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.