PUBLICIDADE

Fene remata a senda peonil do Camiño do Regueiro

Fene investiu 140.750 euros na senda peonil do Camiño do Regueiro.Fene investiu 140.750 euros na senda peonil do Camiño do Regueiro.

O Concello de Fene vén de rematar as obras da senda peonil do Camiño do Regueiro. Esta actuación permite conectar o paseo marítimo de San Valentín co límite co concello de Neda, mellorando as condicións de mobilidade e seguridade.

Esta mañá, a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy; o tenente de alcaldesa, Manuel Polo; e a concelleira de Obras, Mª Carmen Martínez, comprobaron o resultado final da intervención. Alí salientaron que supón un avance importante na mellora da rede viaria e peonil municipal.

A actuación tivo como principal obxectivo uniformar o aliñamento da vía coa construción dunha senda peonil na marxe esquerda, así como a execución de novas canalizacións de augas pluviais, resolvendo os puntos de drenaxe que presentaban maiores problemas.

PUBLICIDADE

Ademais, esta intervención permite dar un paso decisivo cara á continuidade do paseo marítimo de San Valentín ata o límite con Neda. Configúrase así un itinerario peonil seguro, accesible e integrado no espazo urbano, que facilita os desprazamentos a pé e fomenta unha mobilidade máis sostible.

Desde o punto de vista técnico, optouse pola execución dun pavimento de formigón continuo de cor, cun espesor de 15 centímetros, que se incrementa ata os 20 centímetros nos accesos ás parcelas, garantindo así unha maior resistencia e durabilidade. A senda conta cunha lonxitude total de 1.132 metros.

A alcaldesa de Fene destacou que “esta actuación permite mellorar a seguridade das persoas usuarias e dar continuidade a un espazo moi utilizado pola veciñanza, como é o paseo marítimo de San Valentín”. A rexedora subliñou tamén que “seguimos avanzando nun modelo de mobilidade máis amable, accesible e sostible, que pon ás persoas no centro das actuacións urbanas”.

Desde o Concello de Fene inciden en que este tipo de intervencións forman parte dunha estratexia máis ampla orientada a mellorar os espazos públicos e facilitar os desprazamentos peonís, contribuíndo a unha maior calidade de vida da veciñanza.

O proxecto contou cun investimento de 140.750 euros, financiado a través do programa POS+ 2023 da Deputación da Coruña.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.