PUBLICIDADE

O Carballiño instalará catro tótems turísticos interactivos

PorBisbarra

Venres, 10 Abril 2026 ,
A atuación forma parte do investimento global do Carballiño dun millón de euros para mellorar o turismo.A atuación forma parte do investimento global do Carballiño dun millón de euros para mellorar o turismo.

O Concello do Carballiño avanza na execución do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “O Carballiño e a gastronomía do polbo”. Neste sentido, realizará actuacións centradas na dixitalización, a innovación e a mellora da experiencia turística.

Así, nas próximas semanas implantarase sinalización interactiva en diferentes puntos da vila. “Trátase dunha modernización necesaria para mellorar a experiencia dos nosos visitantes, que non deixan de crecer, tal e como acabamos de comprobar durante esta Semana Santa”, explicou Manuel Dacal, concelleiro de Turismo.

O Carballiño colocará catro tótems interactivos nos que os turistas poderán consultar información en varios idiomas sobre patrimonio cultural, histórico, paisaxístico e gastronómico. Tamén terán á súa disposición a programación cultural actualizada cos eventos da vila.

PUBLICIDADE

A implantación deste sistema de sinalización turística intelixente supón un investimento total de 75.505,93 euros. Os dous tótems de maior tamaño instalaranse na Alameda e na Praza Maior, e os máis pequenos, na Casa Consistorial e no Museo do Papel.

Nova imaxe do Carballiño como destino turístico

Por outra banda, o Concello está a definir unha nova imaxe de destino turístico, o que permitirá actualizar a páxina web e producir contidos audiovisuais adaptados ás novas formas de consumo. O obxectivo é mellorar a visibilidade do municipio e atraer novos públicos. Ademais, estanse a incorporar ferramentas innovadoras como a gamificación e os contidos interactivos. “Estamos traballando arreo para integrar a dixitalización como eixo clave da nosa estratexia turística”, destacou o edil de Turismo.

As actuacións forman parte do investimento global de 1 millón de euros financiados pola Unión Europea-NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, coa participación do Ministerio de Industria e Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.