O Concello de Ferrol adxudicou o contrato do servizo de limpeza de mantemento de cubertas, canlóns e baixantes de varios edificios municipais. Este servizo levaba sen contrato dende o pasado mes de xaneiro. “Responde á necesidade de garantir o correcto mantemento en condicións de limpeza e hixiene integral dos centros, edificios e instalacións municipais”, sinalou o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela.
Xa o pasado 2 de abril, a xunta de goberno local aprobaba a licitación deste servizo. Agora, adxudicáronse os lotes 2, de limpeza e mantemento de cubertas, canlóns e baixantes das vivendas municipais e mercado de Recimil; e 3, de limpeza e mantemento de cubertas, canlóns e baixantes dos centros educativos de infantil e primaria públicos de Ferrol. Ambos foron adxudicados á única empresa que se presentou ao concurso, CYS Hispania S.L.
No tocante aos traballos do lote 2, a adxudicataria contará cun orzamento de 80.000 euros ao ano. En canto ao lote 3, a contía ascende aos 75.000 euros ao ano. “Debemos preparar os nosos edificios para a chegada das chuvias, o mantemento das diferentes instalacións municipais é fundamental, xa que moitas levan anos sen esta atención, o que provoca un importante deterioro”, afirmou o rexedor.
En ambos lotes, o prazo de execución do contrato será de dous anos, contados dende o día seguinte á formalización do mesmo. O contrato poderá prorrogarse por outros dous anos máis, sen que a duración total incluídas as prórrogas poida exceder os catro anos. As prórrogas acordaranse polo órgano de contratación antes da finalización da vixencia do contrato e serán obrigatorias para o contratista, sen que en ningún caso poidan producirse por consentimento tácito das partes.
No caso do lote 1, xeral de limpeza e mantemento de cubertas, canlóns e baixantes dos edificios de competencia municipal, quedou deserto e volverá a ser sacado a licitación.