PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

San Sadurniño lanza unha liña de subvencións para a mazá autóctona

PorBisbarra

Martes, 17 Setembro 2024 , ,
San Sadurniño convoca subvencións para fomentar a plantación de maceiras das variedades Ollo mouro e Príncipe.San Sadurniño convoca subvencións para fomentar a plantación de maceiras das variedades Ollo mouro e Príncipe..

O Concello de San Sadurniño convoca unha liña de subvencións municipais para a plantación de maceiras autóctonas. Trátase dunha convocatoria dotada con 10.000 euros que se distribuirán entre as persoas físicas solicitantes que cumpran os requisitos. Estas deben plantar no termo municipal un mínimo de 1.000 e un máximo de 4.000 metros cadrados das variedades Ollo mouro e Príncipe.

Desde o Goberno local destácase o carácter “pioneiro” desta liña de subvencións, coa que se busca fomentar a recuperación das castes tradicionais e impulsar o seu cultivo. Así, pretenden diversificar a economía local e ser referente na promoción do desenvolvemento rural e a aposta pola soberanía alimentaria.

Os solicitantes deberán incluír no modelo anexo ás bases as referencias catastrais das leiras onde se van poñer as maceiras e a superficie total que se pretende dedicar ás novas plantacións. Tamén se deberá acompañar a petición dunha reportaxe fotográfica do estado previo das parcelas, onde en ningún caso pode haber maceiras das dúas variedades obxecto da subvención.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

SUBVENCIÓNS PARA FOMENTAR VARIEDADES TRADICIONAIS

Segundo o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela, trátase de dúas castes tradicionais de grande sabor e boa conservación “que son case imposibles de atopar á venda, salvo en feiras e pequenos mercados de proximidade e en moi pouca cantidade”.

A fin desta liña de subvencións municipais é promover plantacións ben planificadas e fomentar a produción a medio prazo. O concelleiro de Desenvolvemento local sinala que se trata de variedades perfectamente adaptadas ao terreo e cun gran potencial para atender o consumo local e o máis lonxano.

A convocatoria municipal está dirixida a persoas particulares e á compra de planta de Ollo mouro e/ou Príncipe en portainxertos MM-106. Neste sentido, as bases puntualizan que se deberá elixir unha das variedades, xa que para obter subvención para as dúas será necesario plantar polo menos 2.000 metros cadrados.

Así mesmo, os marcos de plantación terán que ser, como pouco, de 4×4 metros, cos que se asegura un correcto desenvolvemento das árbores e un bo equilibrio produtivo, ademais de facilitar a mecanización dos labores de mantemento e colleita. O importe subvencionable será de 10 euros por planta ata un máximo de 2.000 euros por solicitude.

A valoración das peticións terá en conta o empadroamento en San Sadurniño desde polo menos tres meses antes da convocatoria das axudas e o número de persoas que compoñan a unidade de convivencia.

A axuda, unha vez concedida, terá que xustificarse no prazo de dous meses despois de recibir a notificación. Esa xustificación requirirá presentar o documento no que se faga constar a compra da planta e unha pequena reportaxe fotográfica sobre como quedou a plantación.

Poderase presentar as solicitudes ata o 17 de outubro presencialmente no rexistro municipal, a través da Sede Electrónica ou polos medios válidos admitidos na normativa que regula as relacións da cidadanía coas Administracións públicas.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.