O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, mantivo hoxe un encontro con representantes de asociacións de comerciantes e de centros comerciais da provincia de Ourense. O obxectivo da reunión era seguir avanzando na elaboración do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
Durante a xuntanza, celebrada en Expourense, Gabriel Alén avanzou que ata finais de ano está aberto o proceso participativo para recibir as achegas de todos os axentes implicados. Así mesmo, afondou na necesidade de que os comerciantes poidan contribuír en primeira persoa coas súas ideas e inquedanzas á diagnose e estratexia máis acertadas para darlle un pulo ao sector co Plan estratéxico.
Neste senso, destacou que para o Goberno galego é unha prioridade abordar o futuro do comercio desde o diálogo e atendendo ás necesidades reais do sector, coa vontade de avanzar entre todos. Así pois, para reforzar e facer máis competitivo o comercio local das vilas e cidades, consideran necesaria colaboración público-privada.
O director xeral puxo en valor o importante papel dinamizador deste sector como motor económico e xerador de emprego e riqueza. Así, destacou a necesidade de camiñar cara un modelo que se apoie nos beneficios das novas tecnoloxías e afonde na especialización, na calidade do produto e na experiencia do usuario. Ademais, salientou a importancia de promover o consumo responsable e a sostibilidade como valores inherentes ao comercio local e de proximidade.
Alén fixo alusión tamén á aposta por acometer un plan de remuda xeracional para asegurar a continuidade dos comercios rendibles, apoiando tanto ao que cesa na actividade como ao que a vai continuar.
PLAN ESTRATÉXICO DO COMERCIO DE GALICIA
Galicia conta con máis de 24.000 comercios polo miúdo, que xeran 107.000 postos de traballo en toda a comunidade, ademais de preto dun cento de mercados e prazas de abastos. A futura planificación, con horizonte en 2030, abordará a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e tamén artesanal, que permita desenvolver un Mapa do Comercio de Galicia efectivo. Este espazo contemplará a todo o sector comercial integrado dentro das asociacións, cun buscador por tipoloxía de establecemento, xeolocalización e información detallada para potenciais clientes.
Entre as medidas nas que está a traballar o Executivo galego, figura o impulso das prazas de abastos, fomentando a súa certificación como Mercados Excelentes; ou a posta en marcha do selo Menú de Mercado, que permita facer campañas cruzadas cos restaurantes da contorna. Tamén contemplará liñas para potenciar os centros comerciais abertos, para consolidalos como máximos referentes dun servizo de proximidade e de calidade e simplificar as súas axudas; e a Fundación Artesanía de Galicia, para seguir apoiando o labor dos nosos artesáns e artesás.