O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe en Ordes a estación de ferrocarril da Pontraga, rehabilitada a través do obradoiro de emprego dual Mancomunidade Ordes III, especializado en revestimento e pintura industrial e en carpintaría e que implica tamén os concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo.
O conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, pola directora do obradoiro que está en execución, Iria Paro, pola presidenta da mancomunidade de municipios da comarca de Ordes, Susana García, polos alcaldes de Cerceda, Frades, Oroso, Tordoia e Trazo e por un representante municipal de Mesía, explicou que estas iniciativas, financiadas polo Goberno galego, tamén reforzan a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais.
Neste caso, o obradoiro Mancomunidade Ordes III beneficiouse dunha achega da Xunta de máis de 531.000 euros para o seu funcionamento, que abarca a 20 persoas ás que agradeceu e felicitou polo seu labor que se manterá deica novembro deste ano.
No presente obradoiro que está a piques de rematar, o titular de Emprego resaltou que as persoas participantes non só rehabilitaron a estación ordense visitada hoxe, senón tamén dous locais sociais: en Moar (Frades) e Oa (Trazo). Salientou que, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, estas persoas poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación, bríndaselle a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses.
Máis de 36 millóns de euros en obradoiros en Galicia
En relación coa convocatoria de axudas deste ano, en toda Galicia invístense máis de 36 millóns de euros para desenvolver 87 obradoiros de emprego dual cos que se prevé beneficiar 1.706 persoas sen traballo. A maiores dos 23 obradoiros que combinarán formación e traballo remunerado na provincia da Coruña, haberá outros 27 en Ourense, 20 en Pontevedra e 17 en Lugo.