O Concello de Teo vén de renovar o convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) en materia de asesoramento enerxético e atención do punto de información para a veciñanza do concello, así como novas medidas enmarcadas na Axenda Urbana 2024.
A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, e a profesora adscrita ao Departamento de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Rosa María Regueiro, formalizaron hoxe a dita renovación na Casa Consistorial.
Así, a prestación deste servizo, que se viña realizando en anos anteriores, seguirá un ano máis coa intención de manter informados os veciños e veciñas de Teo sobre as facturas eléctricas. Neste senso, o servizo que se ofrece é de aconsellar, por parte dos técnicos da Universidade, sobre o impacto da pobreza, da vulnerabilidade e das desigualdades enerxéticas, ofrecendo alternativas para conseguir aforros nas facturas eléctricas, así como outras posibles melloras nas prestacións.
Ademais, a través deste servizo de asesoramento, a veciñanza de Teo tamén pode consultar se pode solicitar o bono social eléctrico e cales son os requisitos que debe cumprir unha persoa para ser considerada consumidora vulnerable.
Este servizo seguirase a prestar na Casa Consistorial todos os mércores, no Salón de Plenos, en horario de 10.00 a 12.00 horas. Así mesmo, o novo convenio tamén inclúe charlas de boas prácticas para o aforro enerxético nos fogares, que se levarán a cabo polas parroquias para facilitar a asistencia ás mesmas.