O Concello de O Pino organizou esta terceira edición da festa na que pequenos e maiores desfrutaron en familia dos xogos, obradoiros e espectáculos
A III Festa da Familia Papaventos, que organizou o Concello de O Pino na carballeira da Madalena en Castrofeito, foi todo un éxito de participación. Numerosas familias, veciñanza, pequenos e maiores encheron o recinto para desfrutar da festa con xogos en familia, obradoiros, música e espectáculos de teatro e circo.
A festa da escuma foi unha das propostas que tivo maior acollida, e foi a actividade que baixou o pano desta xornada lúdica de convivencia en familia, que tivo na festa holi outro dos seus momentos máis divertidos, enchendo de luz e cor a área recreativa.
O sábado 14 de setembro ao mediodía daba comezo esta terceira edición coa apertura dun espazo lúdico na carballeira da Madalena, no que a veciñanza e a rapazada demostraron a súa destreza e habilidade nas diferentes competicións e xogos populares e tradicionais como a carreira de sacos ou o tiro con boina. Tamén se desenvolveu un concurso de tute e ofertouse aos asistentes unha ampla variedade de obradoiros como a elaboración de broches de fieltro, cadros de papaventos, tatuaxes ou tarxetas.
Varias propostas de artes escénicas completaron a programación desta III Festa da Familia Papaventos. Inventi Teatro representou pola mañá As palabras perdidas, coa que promove o uso do galego dun xeito divertido e ameno. Xa pola tarde, foi a quenda da compañía Bandullo Azul que subiuse ao escenario con Fazula e o ladrón de paraugas, que deu paso ás acrobacias e os malabares co espectáculo Desstronauts de Circo Expreso 2.