PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

O PPdeG acusa a PSOE e BNG de “ir en contra de Galicia” coa súa postura sobre Altri  

PorBisbarra

Mércores, 18 Setembro 2024 , , , , ,
Pablo Taboada, alcalde de Palas de Rei presidiu a xuntanza

O PPdeG acusa ao PSOE galego e ao BNG de “ir en contra de Galicia” coa súa postura sobre o proxecto que Altri pretende implantar en Palas de Rei e reclama ao Goberno central os fondos europeos que no seu día Pedro Sánchez comprometeu para facelo realidade.

 Así o manifestaron publicamente os populares galegos en Palas de Rei nunha reunión de traballo con alcaldes e portavoces do partido na comarca da Ulloa que estivo encabezada pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e as responsables de Medio Ambiente e Cambio Climático e de Economía e Industria do Goberno galego, Ánxeles Vázquez e María Jesús Lorenzana, respectivamente.

 Pola súa banda, Ánxeles Vázquez ironizou con que “aqueles que queren perseguir as fake news ou que falan de embarrar son os primeiros que están facendo xusto o contrario co proxecto de Altri”. Xa que, tal e como explicou, este proxecto aínda non concluíu a súa fase de avaliación ambiental pero, polo de agora, “os informes que xa son públicos conclúen que cumpre estritamente todos os parámetros establecidos pola normativa europea, estatal e autonómica en materia de emisións e vertidos”.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

 Pablo Taboada, o alcalde de Palas de Rei, apuntou que “é un proxecto importantísimo para o nosos veciños e especialmente para aqueles que xa aportaron os seus currículos á empresa coa esperanza de poder conseguir un posto de traballo”, apuntou incidindo en que para o rural galego son fundamentais iniciativas como esta na medida en que “son a única vía para gañar poboación e non perdela ano tras ano”.

O BNG advirte da ameaza que supón Altri para a declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade

A portavoz de Cultura do BNG, Mercedes Queixas, advirte da “dobre ameaza” que suporía a instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei para o alto valor patrimonial, cultural e turístico do Camiño de Santiago. Por unha banda, asegurou, pode afectar á zona de amortecemento deste BIC e, pola outra, pode condicionar a declaración do Camiño como Patrimonio da Humanidade. 

“Sería unha irresponsabilidade facilitar que isto sucedese no Camiño”, afirmou Queixas despois de subliñar que “xa hai precedentes de monumentos que foron descatalogados pola Unesco por incumprir a declaración”. 

Mercedes Queixa, portavoz de Cultura do BNG

A Plataforma Ulloa Viva pide á Xunta “que se poña dunha vez do lado dos técnicos” e desbote o proxecto de Altri

A Plataforma Ulloa Viva insiste á Xunta de Galicia “que abandone a súa postura de defensa da empresa fronte ás evidencias técnicas e científicas que deixan claro que o proxecto é un atentado medioambiental  e socioeconómico contra o corazón de Galicia”. Para Ulloa Viva no momento actual “queda claro que a Xunta quedou soa na defensa da macrocelulosa”, por iso “demandamos ao presidente Rueda e a todo o seu goberno que atenda a todas as voces que lle están a advertir dos perigos deste proxecto e desbote dunha vez por todas” a macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei.

“Cada vez entendese menos que un goberno que tería que defender o seu territorio e aos seus cidadáns siga empeñado en ir contra a veciñanza e as advertencias dos técnicos para beneficiar a unha empresa privada e catro amigos”. A Plataforma critica que logo de que mesmo o Consello da Cultura Galega (CCG) emitira un informe demoledor contra os posibles efectos deste Proxecto Gama “advertindo mesmo que hai perigo para a saúde da poboación”, a única reacción da Xunta sexa “criticar aos técnicos, criticar ao resto dos partidos e ningunear o clamor popular contra a macrocelulosa”.

Última concentración da Plataforma Ulloa Viva en Palas de Rei
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.