A Deputación de Ourense colabora con “Ultreia Ourense”, un evento que pretende dinamizar o ecosistema emprendedor das startups da rexión. Forma parte da iniciativa “Ultreia Galicia”, un ciclo de eventos que percorrerá as catro provincias galegas co obxectivo de promover a innovación e o desenvolvemento empresarial.
A vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Nóvoa, participou na inauguración desta iniciativa hoxe na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO). Xunto a ela estiveron o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; e a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa.
O evento, organizado pola CEO co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Deputación de Ourense, reúne a emprendedores, investidores, mentores e profesionais de diversos sectores para fomentar a colaboración, o intercambio de ideas e o crecemento das iniciativas provinciais.
Marta Nóvoa fixo un repaso polas iniciativas postas en marcha polo Goberno provincial a prol do emprendemento ourensán. Exemplos son o proxecto “EmprendOU”, o “EmprendOU en feminino-8M”, ou a colaboración coa CEO no Plan ReActiva Ourense para o fomento dixital do emprego e Emprendemento. Durante o evento puxo en valor a importancia desta iniciativa que contribúe a potenciar esa “cultura emprendedora que na nosa provincia ocupa un lugar tan destacado”.
Así mesmo, a vicepresidenta primeira do goberno provincial resaltou o rol das administracións para “aplicar políticas públicas que propicien o desenvolvemento empresarial nos nosos territorios e, polo tanto, que contribúan á xeración de riqueza e creación de emprego”.
Mostra desa implicación é esta iniciativa que trata de incentivar aos emprendedores e axentes do ecosistema a acadar o propósito de impulsar o seu camiño creando sinerxías e identificando retos para os que atopar solucións conxuntas.

PARTICIPACIÓN NAS MESAS SECTORIAIS
Así mesmo, a Deputación de Ourense participa de forma activa nas mesas sectoriais que se celebran ao longo desta xornada en “Ultreia Ourense”. Así pois, a xerente do Inorde, Emma González, participou na mesa de traballo centrada no sector agroalimentario, vitivinícola e gastronómico. Pola súa banda, o director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, interveu na mesa do sector termal e turismo interior.
Así mesmo, o deputado de Innovación, Jorge Pumar, formará parte do xurado e participará na clausura do acto.