O presidente provincial, Luis Menor, realizou esta mañá unha visita ao Concello de Baños de Molgas, acompañado polo seu alcalde, Manuel Ángel Fernández Movilla, e membros da corporación. O obxecto da visita é comprobar o grao de execución ou o resultado das obras levadas a cabo nas entidades locais grazas á colaboración provincial.
Menor constatou deste xeito “a boa saúde da cooperación cos municipios” tras supervisar a execución das obras financiadas pola Deputación. Neste caso, trátase da mellora de vías municipais coa rexeneración do firme en Presqueira, que se estenderá tamén á localidade de Nogueira de Abaixo. O orzamento desta actuación ascende aos 45.100 euros. Esta obra enmárcase nos plans do Goberno local para dotar de mellores accesos e acondicionar rúas en todos os lugares do municipio.
OUTROS INVESTIMENTOS PROVINCIAIS NO CONCELLO
Os traballos de mellora en vías locais tamén se executará en Almoite, cun investimento de 23.500 euros; e San Pedro de Ribeira, polo importe de 12.200 euros. Ademais tamén figura dentro do Plan CooperOU o bombeo en San Pedro de Ribeira, cunha achega de 30.947,39 euros; a contratación de persoal para limpeza de marxes viarias ou traballos medioambientais, cun orzamento de 43.300 euros; e a organización de actividades culturais e xuvenís, polo importe de 19.872,10 euros.
Tras a visita, Luís Menor mantivo un encontro de traballo co alcalde no que analizaron estes investimentos. Ademais, trataron outras achegas dispostas pola Deputación para a optimización enerxética do alumeado público , valorada en 40.000 euros; e a humanización de rúas en Suatorre e Meaman, cun custo de 60.000 euros.
Neste sentido, o presidente provincial destacou que neste ano Baños de Molgas recibirá 182.919,85 euros no marco do Plan CooperOU, programa que ao remate do mandato alcanzará os 793.869,28 euros.
Estímase que coa financiamento do Plan CooperOU e outras achegas, Baños de Molgas disporá neste mandato de máis dun millón de euros de fondos provinciais para obras e servizos.