PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

O PP demanda ao Goberno central e ADIF o avance na intermodal e a variante exterior de Ourense

PorBisbarra

Martes, 17 Setembro 2024 , , ,
Representantes locais, autonómicos e nacionais do PP reclaman ao Goberno e ADIF o inicio das obras da intermodal de Ourense.Representantes locais, autonómicos e nacionais do PP reclaman ao Goberno e ADIF o inicio das obras da intermodal de Ourense.

Os parlamentarios nacionais populares Ana Vázquez e Celso Delgado, a autonómica Noelia Pérez e os concelleiros ourensáns Inma Moreiras e Pepe Araujo compareceron na praza da estación intermodal de Ourense. Acompañados de veciños da zona e taxistas, o fin era valorar a situación das infraestruturas e do transporte ferroviario que afectan á provincia.

En primeiro lugar, os representantes do Partido Popular demandaron o inicio das obras da estación intermodal. Neste sentido, mostraron a súa preocupación polo atraso das obras, que contan cun prazo de execución de 73 meses. É dicir, aínda no caso de non haber incidencias durante a execución, non estarían finalizadas ata 2031.

Neste senso, definiron como “paradoxal” que a primeira cidade galega en recibir a alta velocidade sexa a última en contar cunha estación intermodal modernizada e reformada. Así pois, o 20 de febreiro deste ano formalizouse o contrato entre ADIF-Alta Velocidade e a UTE adxudicataria do contrato. Ademais, o 28 de maio, na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible, a secretaria xeral de transportes do Ministerio indicou que o 17 de maio xa iniciaran as obras de ampliación e remodelación da nova estación intermodal. Non obstante, sete meses despois aínda non hai signos aparentes de que comezaran.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

LICITACIÓN DOS TRAMOS PENDENTES DA VARIANTE EXTERIOR DE OURENSE

Pola outra banda, os representantes do Partido Popular reclamaron tamén a licitación dos tramos pendentes da variante exterior de Ourense. Actualmente están en construción os treitos Taboadela-Túnel de Rante, de 5,6 km; e o túnel de Rante-Conexión Seixalbo, de 2,3 km. Porén, a variante exterior de Ourense componse doutros tres tramos máis que aínda non foron licitados. Máis concretamente, a conexión Seixalbo-Seixalbo, Seixalbo-túnel de Montealegre e túnel de Montealegre-estación de Ourense.

Nesta liña, lembraron que ADIF-Alta Velocidade prometeu impulsar os trámites administrativos e orzamentarios para licitar no segundo semestre de 2024 estas obras de treitos pendentes. Xa que logo, o 13 de febreiro debateuse en pleno no Congreso unha proposición non de lei do grupo popular, instando ao Goberno a tomar un conxunto de trece medidas en materia ferroviaria en Galicia. Dita PNL foi aprobada, cun punto que especificaba que “o Congreso insta ao Goberno a comprometer que ADIF-AV executará na súa integridade todos os tramos da variante exterior de Ourense da LAV a Galicia”.

Así pois, os populares denunciaron que xa venceu o primeiro semestre e “ADIF-AV non procedeu a licitar as obras destes tres tramos tan necesarias para dar continuidade á variante”.

TRAMO OURENSE-MONFORTE DE LEMOS

A maiores, os populares demandaron unha data fixa de finalización do tramo Ourense-Monforte de Lemos, na liña 810. Neste sentido, asumen a dificultades de traballar neste complexo treito ferroviario e comprenden unhas “razoables desviacións nos prazos comprometidos”. Non obstante critican os “incumprimentos repetitivos”, sobre todo cando a circulación ferroviaria está suspendida.

No tocante a estes atrasos, en xullo de 2023 ADIF comunicou en nota de prensa que se suspendería a circulación ata o último trimestre de 2023. Pasado ese prazo sen finalizar as obras, a empresa anunciou que estarían rematadas para abril de 2024. Unha vez máis, ADIF non cumpriu o programado, alegando danos por climatoloxía invernal nun muro de terraplén e trasladando a apertura do servizo no tramo Ourense-Monforte de Lemos para finais de setembro deste ano.

“Tememos que no 30 de setembro de 2024 esta liña non estará en condicións de retomar a circulación dos trens e os servizos ferroviarios seguirán facéndose por estrada”, lamentaron os populares.

APARCADOIRO DA INTERMODAL E OUTROS RECLAMOS

Durante a comparecencia dos representantes do Partido Popular, aproveitaron para realizar outras reclamacións. Entre elas, solucións para evitar a saturación do aparcadoiro da estación intermodal, onde as empresas de vehículos de alugueiro sen condutor copan 35 prazas. Así pois, o PP propuxo alternativas, como que estes vehículos estacionen nas proximidades da estación ou en espazos infrautilizados por ADIF na propia terminal.

Outra das solicitudes dos populares é a instalacións dunha marquesiña que protexa das inclemencias meteorolóxicas a taxistas e persoas usuarias. Finalmente, o Partido Popular tamén insistiu na necesidade de pechar o perímetro e limpar as naves de ADIF situadas na rúa Río Arnoia.

Segundo a parlamentaria nacional Ana Belén Vázquez, trátase dunha propiedade exposta, chea de lixo e en condicións insalubres. Neste contexto, a veciñanza denuncia que é unha área conflitiva, con pelexas, ruídos e actividade delitiva. Como solución, o PP propón pechar perimetralmente a propiedade, limpar a área e garantir a seguridade cos medios precisos.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.