O Concello de Ferrol segue avanzando no proxecto de saneamento no rural. Tras a redacción e supervisión, a xunta de Goberno local ferrolá aprobou a súa exposición pública. Este é o trámite previo á licitación e permite á veciñanza coñecer o documento e presentar alegacións.
A semana pasada, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, mantivo unha xuntanza coa Agrupación de veciños da zona rural, o director de Augas de Galicia e os redactores do proxecto de saneamento no rural. O rexedor explicou que o proxecto está redactado dende 2014, pero quedou “metido nun caixón durante case 10 anos”.
Así mesmo, Rey Varela lembrou que, cando tomou o mando da Alcaldía en 2023, o Goberno local atopou o proxecto cun custe sen actualizar e sen adaptar á normativa actual. Durante ou dous últimos anos actualizouse o documento. Tendo en conta a complexidade do proxecto, acometerase a obra en dúas fases. O obxectivo é axilizar os tempos e iniciar a obra no menor tempo posible.
INFORMACIÓN Á VECIÑANZA
Paralelamente, o equipo redactor do proxecto de saneamento e representantes do Goberno local recorrerán as parroquias para explicar os detalles á veciñanza. Nesta liña, hoxe ás 20:00 h celebrarase unha reunión no local da asociación veciñal de Valón para explicar a primeira fase. “Con total transparencia, iremos polas parroquias e estaremos cos veciños aclarando todas as dúbidas”, asegurou o alcalde ferrolán.
A obra terá un custo total de 14 millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia achegará o 70% e o Concello de Ferrol, o 30% restante.
FASES DO PROXECTO
A obra está dividida en dúas fases: a fase 1 afecta ás redes de Doniños-A Cabana, conca do río Sardiña, San Xurxo e o Confurco. Por parroquias serán Doniños, San Xurxo, A Cabana, Valón, Serantes, Pazos, Viladóniga e Vilasanche.
A fase 1 subdivídese en dúas fases: fase 1 A e fase 1 B. A fase 1 A engloba a rede de Doniños-A Cabana, onde se realizará o colector principal que conectará ás demais parroquias coa estación da Cabana. Esta é a que se atopa en exposición pública.
Hai 58 fincas afectadas por este proxecto, para o que será necesario a cesión voluntaria ou a declaración de utilidade pública e de urxente ocupación. O investimento desta fase é de 5,7 millóns de euros; catro millóns da Xunta de Galicia e 1,7 millóns das arcas municipais.
No tocante á fase 1 B, afectaría á rede de San Xurxo, O Confurco e a conca do río Sardiña.
En total, meteranse máis de 60 quilómetros de colectores, dos cales 15 quilómetros corresponden á fase 1 A. A previsión de licitación desta parte do proxecto é en verán, mentres que a fase 1 B sairá en outubro deste ano.
En canto á fase 2, engloba as redes da Graña-Brión, San Felipe, San Cristovo, Cariño, O Pieiro, Esmelle e Covas. Segundo a previsión, licitarase no primeiro trimestre de 2026.
Así pois, a finalización das obras están previstas no ano 2027. “As obras do saneamento da zona rural xa non teñen marcha atrás, por fin damos cumprimento a unha demanda histórica dos veciños da zona rural”, finalizou o alcalde de Ferrol.




