PUBLICIDADE

Ferrol destinará 27,4 millóns de euros ao SAF

PorBisbarra

Luns, 10 Febreiro 2025 ,
A 31 de decembro do 2024, o SAF atendía en Ferrol a 384 persoas.A 31 de decembro do 2024, o SAF atendía en Ferrol a 384 persoas.

A xunta de Goberno local do Concello de Ferrol aprobou a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) por un importe de 22,98 euros/hora. “Aspiramos a que Ferrol sexa a mellor cidade para facerse maior”, afirmou o alcalde, José Manuel Rey Varela. “Trátase dun dos servizos máis importantes desta administración, xa que estamos a falar do coidado e atención aos nosos maiores e ás persoas dependentes, para os que queremos o mellor servizo”, sinalou.

O importe do contrato para os dous primeiros ascende á cantidade de 13.736.388,96 euros, que se reparte entre o ano 1 libre concorrencia, por 702.177,72 euros, e dependencia, por 6.166.016,76 euros; e no ano 2 libre concorrencia, por 702.177,72 euros, e dependencia, por 6.166.016,76 euros. O importe total do contrato, incluídas as prórrogas, é de máis de 27,4 millóns de euros.

MODALIDADES DO SAF

A modalidade de dependencia préstase de luns a domingo, incluídos festivos, tanto para coidados domésticos básicos como persoais. Pola súa banda, a de libre concorrencia é de luns a venres, incluídos festivos, tanto para coidados básicos como persoais.

PUBLICIDADE

O horario será flexible e diúrno de 07:00 a 22:00 horas, festivos incluídos, podendo modificarse en situacións extraordinarias de urxente necesidade ou cando a situación, debidamente xustificada, así o requira a xuízo do persoal técnico municipal. A franxa horaria de 07:00 a 11:00 horas estará reservada para atención personalizada.

A adxudicataria presentou unha serie melloras sen custo para o Concello de Ferrol, como o servizo de podoloxía, con 1.200 servizos/anuais; de peiteado, tamén con 1.200 servizos/anuais; limpezas xerais de choque, con 450 horas/anuais; terapeuta ocupacional, con 100 valoracións/anuais; e unha bolsa de horas de auxiliar de apoio, con 300 horas/anuais.

HORAS DE SERVIZO

No ano 2024 o número de horas prestadas foi de 149.985,57, das cales 24.868,61 horas foron de libre concorrencia e 125.116,96 foron de dependencia. A porcentaxe de execución do servizo por parte da empresa no pasado foi dun 53,52%. A 31 de decembro do 2024, o número de persoas atendidas foi de 384, das que 112 son de libre concorrencia e 272 de dependencia.

Na actualidade non existe lista de espera en libre concorrencia, todas as persoas que alcanzan a puntuación para ser atendidos teñen o servizo. En canto a dependencia, todos os graos III están atendidos e non hai lista de espera tampouco. “O noso obxectivo e rematar coas listas de espera, neste momento hai 561 persoas nesta situación, este ano esperamos dar a boa nova e que as 95 persoas con grao II poidan ter a atención que precisan”, desexou o alcalde.

OBXECTIVOS DO SAF

O Servizo de Axuda no Fogar ten como obxectivo a prestación dun conxunto de atencións ás persoas e/ou unidades de convivencia, dende unha perspectiva integral e normalizadora, para facilitar o seu desenvolvemento persoal e a permanencia no su entorno habitual, especialmente naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou outras situacións de risco social para as que resulte un recurso idóneo.

A través deste servizo preténdese mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, facer posible que permanezan na sua contorna de convivencia, favorecer e potenciar a súa autonomía persoal no propio fogar e manter as redes de relacións familiares e sociais. Así mesmo, búscase previr situacións de dependencia ou exclusión social, atrasar ou evitar a institucionalización e potenciar o voluntariado social.

Co SAF, o Concello de Ferrol dá resposta a unha demanda real dun colectivo especialmente vulnerable, para contribuír a paliar eventuais procesos de exclusión atendendo a un sector de poboación en situación de vulnerabilidade social cuxa demanda asistencial vai en aumento.

O prazo de execución do contrato será de dous anos, a contar dende o día seguinte ao da formalización do contrato do lote respectivo, e poderá prorrogarse por outros dous anos máis, sen que a duración total incluídas as prórrogas poida exceder de catro anos.

Para rematar, o alcalde recordou que “en agosto do ano 2023 Ferrol foi recoñecida como cidade amiga das persoas maiores pola OMS”. Deste xeito, Ferrol é unha das cidades que contribúen á creación de contornas e servizos que promoven e facilitan o envellecemento saudable e activo.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.