O Concello de Ferrol aprobou adxudicar á empresa Eslamex Gestión de Infraestructuras SL a mellora da sinalización horizontal, por un importe de 544.725,27 euros. As obras deste contrato executaranse nas vías de titularidade municipal. Así, a xunta de Goberno local concedeu esta licitación, á que se presentaron oito empresas. “Este non é só un contrato; é unha declaración de compromiso coa seguridade e coidado da cidade”, afirmou o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela.
Trátase dun dos contratos de servizos máis importante e necesario neste momento. “Somos conscientes do mal estado no que se atopa a sinalización horizontal debido á alta densidade de tráfico que soportan estas vías e á falta de mantemento durante moitos anos”.
A empresa adxudicataria terá que renovar toda a sinalización horizontal de Ferrol. Dita actuación estenderase polos barrios de Ferrol Vello, A Magdalena, Canido, Esteiro, Ensanche A, Ensanche B, Caranza, Santa Mariña, San Xoán-Bertón, Catabois e Santa Icía. “Traballamos para mellorar a seguridade dos peóns e dos condutores”, insistiu o rexedor ferrolán.
O plan comezará cunha limpeza integral da vía. A continuación, procederase á reposición de liñas descontinuas, bordos, pintado de liñas en zig-zag, liñas de delimitación dos aparcamentos, cebreados, pasos de peóns e isletas. Así mesmo, reporanse as frechas, sinais de stop, ceda o paso, limitación de velocidade, así como das prazas adaptadas. “Con esta actuación non só arranxaremos o existente, senón que manteremos e melloraremos a sinalización a longo prazo, garantindo a súa correcta ordenación e seguridade”, asegurou Rey Varela.
A empresa adxudicataria terá un prazo de cinco meses para acometer a totalidade das melloras, que terán un prazo de garantía dun ano.
NOVO CONTRATO DE MANTEMENTO EN FERROL
O alcalde de Ferrol avanzou que “isto é só comezo, xa que estamos traballando na redacción dos pregos de condicións técnicas para a contratación do servizo de conservación, reposición e nova sinalización vertical e horizontal e de elementos de balizamento e de protección”. Neste sentido, asegurou que “continuaremos investindo na seguridade viaria de Ferrol para peóns e condutores”.



