A xunta de Goberno local de Ferrol aprobou a contratación da obra de aglomerado do tramo do camiño de Vilabuide-Monte do Coto, entre as parroquias de Valón e Brión. Esta actuación está incluída no Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, Plan Único de Concellos POS+2025. A inversión é de 70.139,13 euros, dos que a Deputación da Coruña porá 62.139 euros e o Concello de Ferrol, a cantidade restante, que ascende a 8.000,13 euros.
A actuación afecta a unha superficie de 2.084 metros cadrados. Trátase dun camiño que é transitado principalmente por vehículos lixeiros que acceden á zona. Neste sentido, a súa reparación resulta prioritaria, atendendo á importancia social e económica derivada do seu uso.
Na actualidade presenta un evidente estado de deterioro na súa capa de rodaxe, o que produce molestias á veciñanza e aos vehículos que circulan pola vía. “Seguimos mellorando as vías do rural, para garantir a seguridade tanto dos veciños como dos condutores”, destacou o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela.
O prazo de execución destas obras é dun mes.



