O Concello de Barbadás recorda á veciñanza a importancia de empregar a aplicación Alertcops para denuncias rápidas. A ferramenta dixital, dependente do Ministerio do Interior, permite avisar rapidamente á Garda Civil ou á Policía Nacional en caso de ser vítima dun delito. A aplicación conta cun botón de SOS que conecta directamente cos corpos de seguridade, inclúe un chat directo e permite a xeolocalización instantánea da persoa para enviar efectivos.
Trátase dunha ferramenta útil, segura e fácil de utilizar, tal e como resalta o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel. O rexedor, acompañado polo concelleiro de Emerxencias, Daniel Rey, reuniuse co comandante de Operacións e co capitán da Garda Civil en Ourense para seguir avanzando na cooperación institucional.
Durante o encontro, tamén se abordaron os comportamentos incívicos e diversos incidentes detectados nas últimas semanas no municipio. Os axentes da Garda Civil deron conta das correspondentes investigacións en curso, que permitirán esclarecer os feitos á maior brevidade posible. A Garda Civil tamén se comprometeu a manter e mellorar o número de esclarecementos acadados nos últimos anos, así como de incrementar a súa presenza en Barbadás.



