PUBLICIDADE

O Carballiño bonificará 17.000 euros do ICIO a Aspadisi

PorBisbarra

Martes, 11 Novembro 2025 , , ,
A residencia de Aspadisi, inaugurada o pasado febreiro, ten capacidade para 42 persoas.A residencia de Aspadisi, inaugurada o pasado febreiro, ten capacidade para 42 persoas.

O Concello do Carballiño aprobará no pleno de novembro a bonificación do 75% do importe pagado por Aspadisi polo Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) da nova residencia. Así, o Goberno local devolverá á entidade 17.153,53 euros. Isto mellorará a súa capacidade económica e facilitará o desenvolvemento da súa importante actividade social na comarca do Carballiño.

“É necesario resaltar o papel de Aspadisi, clave para acompañar, coidar e asesorar ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias”, apunta Francisco Fumega, alcalde do Carballiño.

NOVA RESIDENCIA DE ASPADISI

A residencia, inaugurada o pasado febreiro, ten capacidade para 42 persoas. Así pois, supuxo un importante fito para Aspadisi e para as familias e persoas usuarias. “Levamos moitos anos traballando con persoas con discapacidade, sempre fomos unha pequena familia, e agora somos unha familia máis grande, con máis persoal e máis servizos”, explica Rita Freigenedo, directora da entidade. Neste sentido, dá conta do aumento do cadro de persoal e dos servizos neste último ano.

PUBLICIDADE

O centro residencial deu resposta ás necesidades das familias, que moitas veces, pola idade dos proxenitores ou mesmo o seu falecemento, xa non podían prestar a mesma atención ás persoas con discapacidade. “A residencia asegura o futuro dos usuarios e usuarias e a boa calidade das súas vidas”, recalca Freigenedo. Neste sentido, nos últimos meses achegáronse a Aspadisi novas familias que buscaban un recurso deste tipo, que non abunda en Galicia.

Ao marxe da residencia, cabe destacar a ampla variedade de servizos da entidade, que acompaña e asesora ás persoas usuarias en todos os ámbitos da súa vida. Entre outras propostas, Aspadisi conta con obradoiros ocupacionais de carpintaría, costura e artesanías. Asemade, ofrecen actividades de ximnasia, musicoterapia ou programas de intelixencia emocional. “Tamén contamos cun grupo que chamamos Autoxestores, onde se reúnen usuarios para falar das súas inquedanzas e intereses, o que nos permite dar resposta a necesidades que van xurdindo”, detalla a directora. O centro tamén conta cunha ampla oferta de ocio, con excursións, participación en eventos e colaboración con outras entidades da comarca.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.