PUBLICIDADE

Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago, recibiu o recoñecemento no Teatro Principal

Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago, recibiu, onte luns, a máxima distinción que concede a Deputación de Ourense, o Premio Ourensanía 2025. O Teatro Principal ourensán foi o escenario da entrega do galardón “que é unha homenaxe ás persoas que co seu traballo, esforzo e compromiso fixéronse merecentes do recoñecemento desta provincia, distinguindo esa identidade tan propia”, matizou o presidente provincial, Luis Menor.

Luis Menor díxolle na entrega do galardón a Rafael López, nado en Vilamartín de Valdeorras, “recibe este premio como recoñecemento a túa valía e ao orgullo das túas orixes”, e coa intención de que “sintas que a provincia che está a devolver un pouquiño do moito que ti tes entregado aos demais”

O galardoado encarna o espírito que define aos ourensáns, ao ser quen de “compaxinar unha carreira profesional de éxito coa humildade que tanto o caracteriza”, salientou o presidente provincial, quen lembrou que as súas orixes familiares xa deixaron nel unha fonda pegada e arraigo pola nosa terra.

PUBLICIDADE

Tras recibir o Premio Ourensanía 2025, representado nunha escultura de bronce do artista Xosé Cid, Rafael López agradeceu a oportunidade que lle brinda esta distinción para “volver mirar á miña terra co corazón na man, con emoción”, aínda que tamén con tristura logo da vaga de lumes deste verán. Afirmou que o galardón é un orgullo á hora de representar á provincia, porque en Vilamartín aprendeu “o valor do esforzo cos meus pais e que a terra dá froitos se se coida, se respecta e se ama”.

Con palabras para a súa outra paixón, a familia, tamén recolleu na súa intervención as palabras de Otero Pedrayo, “Galicia é unha patria que se leva na alma”, para engadir que “Ourense, no corazón” porque esta terra é “unha forma de estar no mundo, unha identidade que nos acompaña alí onde vaiamos”.

Rafael López tamén dirixiuse á mocidade para que opte polo “esforzo e o talento”, entendendo que o fracaso “forma parte do camiño e da aprendizaxe”. Un futuro que deben escribir sen “esquecer as súas raíces” afirmando que ser ourensán é “levar nos xenes o esforzo, a esperanza e a dignidade”.

No acto celebrado esta tarde participaron tamén Agustín Fernández, amigo da infancia, e Jesús García Mata, xefe do Servizo de Oncoloxía do CHUO, para achegar desde a súa propia experiencia detalles da personalidade e profesionalidade do galardoado. Ademais, estiveron presentes no acto a través dun vídeo Marisol Soengas e Mariano Barbacid, dous recoñecidos investigadores en oncoloxía.

A gala contou cun apartado musical, a cargo do cantante e compositor ourensán Borja Quintela, e a participación da Real Banda de Gaitas da Deputación que pechou o acto co himno galego.

Rafael López, traxectoria profesional

Rafael López López, ademais de Xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, é director do Grupo de Oncoloxía Traslacional do IDIS e coordinador da área de cancro de Oncomet, e Catedrático da Facultade de Medicina da USC.

Cabe destacar na súa dilatada carreira profesional que foi precisamente a súa iniciativa en ONCOMET na que o seu liderado se converteu en decisivo para facer investigación contra o cancro en Galicia, contribuíndo a que hoxe sexa unha referencia a nivel nacional e internacional.

Rafael López presidiu a Sociedade Galega do Cancro, contribuíndo tamén á Estratexia Galega contra o Cancro, sendo actualmente presidente de ASEICA. A súa impagable pegada no eido sanitario tamén é froito do traballo que realiza no ámbito da investigación, líder en España en biopsia líquida, na que puxo tanto empeño e na que grazas ao seu esforzo é hoxe unha realidade nos hospitais galegos, ademais de proxectos centrados no estudo e tratamento da metástase. 

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.