A concelleira de Mobilidade e Seguridade, Pamen Pieltain, avanzou a programación da Semana da Seguridade Viaria, que se desenvolverá en Ferrol do 18 ao 24 de maio cun amplo calendario de actividades dirixidas a fomentar a educación viaria, a prevención de accidentes e a concienciación cidadá.
A edila destacou que “o obxectivo desta programación é promover unha mobilidade máis segura e responsable, implicando tanto á infancia como á mocidade e ás persoas adultas”.
O programa arrincará o luns 18 co parque de educación que se instalará na rúa Colombia de 16:00 a 20:00 horas. Ao día seguinte, martes 19, celebrarase ás 11:00 horas no auditorio o Road Show, unha actividade destinada a maiores de 14 anos e alumnado universitario na que participarán un policía local, un bombeiro, unha doutora do servizo de urxencias, unha vítima de accidente de tráfico, a nai dunha vítima de accidente de tráfico e un vitimario (persoa que causou un accidente). “Pretendemos concienciar á mocidade sobre os riscos de conducir baixo os efectos do alcohol e das drogas”, explicou a concelleira.
O mércores, día 20, o parque de educación viaria estará instalado no lateral da igrexa de Santa María de Caranza, dende as 16:00 ata 20:00 horas.
O xoves 21 terá lugar ás 11:00 horas, no capela do Centro Cultural Torrente Ballester, o concurso escolar de ideas “Un Ferrol máis seguro para os peóns”, para alumnos de 4º e 5º de Primaria. “Queremos que os alumnos se convirtan en enxeñeiros da seguridade e nos amosen as súas propostas para ter unha cidade máis segura para todos “, adiantou a concelleira. Todos os colexios participantes recibirán un agasallos e premiaranse aos tres centros coas mellores ideas, e todos os nenos serán obsequiados cunha medalla.
As actividades para a infancia continuarán o venres 22 na praza da Constitución, onde volverá instalarse o parque de educación viaria e este día estará tamén o simulador SRI entre as 16:00 e as 20:00 horas.



