O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, abriu esta mañá o ciclo Almorzos Empresariais, co que a Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) pretende xerar un novo foro para o diálogo aberto entre o tecido empresarial da provincia e as personalidades que marcan a axenda e o pensamento económico, político e social.
No marco deste encontro, Formoso abordou os retos e as oportunidades de futuro para a economía da provincia, poñendo o foco especialmente na reindustrialización ligada á transición cara a economía verde, ou nos camiños que se abren en novos sectores como o audiovisual, sen perder de vista a loita contra o despoboamento como gran desafío para situar o rural como un motor clave para a competitividade do territorio.
Neste sentido, Formoso recalcou que Galicia e, en concreto, a provincia da Coruña ten “un liderado claro en canto a enerxías e, sobre todo, en canto ás enerxías que veñen, que son as verdes, incluída o hidróxeno verde”. Sen embargo, o presidente da Deputación da Coruña recalcou que esa posición debería ser aínda máis forte, pero está condicionada: “Poderíamos ter un liderado máis consolidado se non houbera un parón xudicial e un populismo enerxético que afecta a dereita e a esquerda por igual e que nos está penalizando claramente. Galicia está perdendo postos e xa é a quinta comunidade en canto a liderado enerxético. Perdemos postos en algo no que poderíamos ser protagonistas a nivel europeo por primeira vez, máis aló da pesca”. Formoso defendeu tamén a participación pública nos proxectos enerxéticos de carácter estratéxico.
“Se non queremos carbón, se non queremos eólica, hidráulica, centrais nucleares…de onde vai saír a enerxía?”, preguntouse o presidente da Deputación, que destacou o potencial que Galicia ten para a produción de hidróxeno verde, “que substituirá ao gas natural, procedente de países convulsos como Rusia”.
Así mesmo, á hora de falar da Deputación da Coruña, explicou aos empresarios e empresarias que a institución “ten como primeira prioridade a creación de emprego, de xeito independente ao contexto económico”, xa que “para que non haxa crise hai que acelerar a bonanza económica e asentar as bases desa economía provincial”. “Esa prioridade de crear emprego está sustentada en dous plans principais: o Plan Único (POS+) e o Plan de Emprego Local (PEL)”, explicou.
Sobre o POS+, Formoso aclarou que financia “practicamente todas as obras que non sexan con fondos Next Generation na provincia, excepto nas tres grandes cidades”. “A maioría dos concellos da provincia teñen dependencia absoluta deste plan, que leva investidos 718 millóns de euros e que este ano baterá un récord significativo ao subir un 72%”.