Coincidindo co ecuador do mandato 2023–2027, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, fixo hoxe balance dos dez anos de goberno de PSOE e BNG á fronte do goberno da institución provincial, que cualificou como “unha década de transformación e progreso”.
Nunha comparecencia conxunta co vicepresidente, Xosé Regueira, na que se repasaron algúns dos principais fitos do goberno provincial durante a última decada, Formoso reivindicou o profundo cambio político da Deputación da Coruña, “cun modelo de referencia, exportable a Galicia”.
O presidente agradeceu as contribucións dos deputados e deputadas de todos os grupos políticos que pasaron polo salón de plenos da Deputación neste período e o apoio unánime que recibiron moitas das medidas que contribuíron a facer unha Deputación “máis moderna, útil e cercana ás necesidades da cidadanía”.
Neste sentido, subliñou que distintos informes de organizacións externas e independentes, como o Consello de Contas de Galicia, “evidencian con datos esta transformación”, situando á Deputación da Coruña como a referencia en políticas de loita como o despoboamento do rural, a implantación da administración electrónica ou a transparencia na xestión.
“É significativo que o Consello de Contas evidencie que o investimento da Deputación nos concellos da provincia é superior ao do Fondo de Cooperación Local da Xunta. Investimos máis nos concellos da provincia da Coruña que a Xunta nos das catro provincias galegas”, afirmou Formoso.
Formoso explicou que, durante estes dez anos, a Deputación foi adaptándose á conxuntura e ás necesidades sociais e económicas de cada momento, algúns deles complicados como a pandemia ou a guerra de Ucraína: “Fomos os primeiros en crear axudas para os sectores máis afectados pola pandemia, para os pequenos negocios, para a hostalaría, os autónomos, os transportistas, para a flota de cerco… A Deputación estivo ao carón de que máis o necesitaba nos momentos máis difíciles creando novas liñas de axudas, algunhas das cales se pagaron en 24 horas”, apuntou.
Entre os principais logros, destacou a posta en marcha do Plan Único, que non só puxo fin aos repartos arbitrarios de fondos en función da cor política dos concellos, senón que “consolidou un modelo xusto e transparente de financiamento municipal no que os concellos son os que deciden”. Lembrou que o POS+ multiplicou por catro o orzamento anual do Plan de Obras e Servizos (pasando de 25 a máis de 100 millóns anuais), o que permitiu aprobar máis de 4.500 obras nos concellos coruñeses, cun investimento récord que, xunto ao das estradas provinciais suma máis de 1.000 millóns de euros e supuxo a creación e mantemento de 18.000 empregos.
Tamén puxo o foco no apoio ao emprego e o emprendemento, outro dos eixos da transformación da Deputación. “Pasamos dunha administración que só contrataba cuadrillas de obras tres meses ao ano, a un verdadeiro motor de emprego na provincia”, explicou. A través do Plan de Emprego Local (PEL), investíronse máis de 120 millóns de euros, creáronse 7.700 empregos, apoiáronse 2.700 empresas e 4.000 autónomos, e impulsáronse 260 proxectos emprendedores nos 11 espazos coworking creados nestes dez anos. “O PEL é hoxe unha ferramenta consolidada que dinamiza a economía local dos concellos máis pequenos, apoia aos que emprenden e xera emprego en toda a provincia”.
Outro aspecto clave foi a a aposta social da Deputación. A Deputación, noutros tempos invisible no ámbito social, e hoxe recoñecida como garante dos coidados, da atención á dependencia e dos servizos sociais máis próximos. Durante esta década de goberno progresista, a Deputación pasou de dedicar só 17.000 euros ao ano por concello para axuda no fogar (o equivalente ao salario anual dunha coidadora), a financiar cada ano 400.000 horas de axuda no fogar, contratar 180 profesionais sociais nos concellos e apoiar o traballo de case 300 entidades sociais da provincia, cun orzamento social que supera os 33 millóns euros ao ano.



