O certame Baila con Ames do Concello premiou como os mellores a Alba Mourelle, Andrés Parga, Soraya Santos, Laura Marcote, Naiara Carreira e Míriam Gómez
O II Baila con Ames xa ten gañadores. Preto de 80 artistas participaron este pasado venres, 18 de xullo, neste concurso de baile deportivo que tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Na categoría individual a gañadora foi Alba Mourelle, mentres que na categoría de grupos (para formacións de mínimo 4 persoas e un máximo de 12) as gañadores e gañadores foron Laura Marcote, Andrés Parga, Soraya Santos, Naiara Carreira, Miriam Gómez e, de novo Alba Mourelle.
Ademais, na categoría de parellas ou tríos creada nesta edición do Baila con Ames (dirixida a formacións de 2 ou 3 persoas como máximo) os gañadores foron Andrés Parga e Soraya Santos. Repartíronse un total de 3.900 euros en premios e seis vales de 100 euros cada un para gastar no comercio local. Arte e Movemento, de Cee, foron os grandes triunfadores da tarde, arrasando en todas as categorías cos primeiros postos.
O certame, que está organizado polo Concello de Ames e que conta coa colaboración da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), contou cunha participación de preto de 80 artistas procedentes de A Coruña, Lugo, Zas, Ferrol, Cee, Santiago e Ames.
Xurado do II Baila con Ames
Nesta edición o xurado estivo composto por tres profesionais do mundo da danza: Daniela Filloy Posada, profesora e instrutora de baile moderno, danzas urbanas, pilates e ioga; Magaly Balsa Vilas, profesora e instrutora de bailes latinos especializada neste estilo dende hai décadas; e Dora Iglesias Bermúdez, que dispón de formación en amplos xéneros de danza como clásica, jazz contemporáneo e ballet.




