PUBLICIDADE

O concurso Baila con Ames contará con 77 participantes no Auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns

Unha imaxe da primeira edición do concurso Baila con Ames, que este ano contará con 77 participantes que buscarán o triunfo mañá 18 de xullo no auditorio da Casa da Cultura de BertamiránsUnha imaxe da primeira edición do concurso Baila con Ames, que este ano contará con 77 participantes que buscarán o triunfo mañá 18 de xullo no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns

O concurso Baila con Ames, que terá lugar mañá venres 18 de xullo ás seis da tarde, disputarase en tres categorías diferentes: individual, parellas ou tríos, e grupos de 4 ata 12 persoas

O concurso Baila con Ames desenvolverá a súa segunda edición mañá venres 18 de xullo a partir das seis da tarde no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Un certame para o que están inscritos un total de 77 participantes, que estarán divididos nas categorías: individual, parellas ou tríos (dirixida a formacións de 2 ou 3 persoas como máximo) e grupos (para formacións de mínimo 4 persoas e un máximo de 12).

O xurado do Baila con Ames, formado por Daniela Filloy, Magaly Balsa e Dora Iglesias, terá que decidir os catro premios que se outorgan por cada categoría. Esta segunda edición do certame repartirá un total de 3.900 euros en premios e seis vales de 100 euros cada un para gastar no comercio local. A entrada será libre ata completar aforo.

Baila con Ames, organizado polo Concello e que conta coa colaboración da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), tivo a súa estrea no verán de 2024 e gozou de gran acollida entre a veciñanza. Cómpre lembrar que Nicolás Fuentes Romero e Balancé Lírica foron os gañadores individual/dúo e grupal desta primeira edición.

PUBLICIDADE

Na categoría individual hai 15 bailaríns inscritos; na segunda categoría hai inscritos 8 dúos ou tríos; e na terceira categoría participan 6 grupos de 4 a 12 persoas. Os participantes proceden de A Coruña, Lugo, Zas, Ferrol, Cee, Santiago e Ames. Ademais, cómpre destacar que nesta segunda edición só se admite un bailarín por categoría e non haberá distinción por idades ou niveis.

En canto aos premios, repartirase un total de 3.900 euros en premios. Na categoría individual repartiranse 800 euros: 500 euros para o primeiro premio, 200 euros para o segundo e 100 euros para o terceiro. En canto á categoría de parellas ou tríos, repartiranse en total 1.300 euros: os gañadores do primeiro premio recibirán 1.000 euros, mentres que o segundo premio serán 200 euros e, finalmente, 100 euros para o terceiro. Por último, na categoría de grupos repartiranse 1.800 euros: para o primeiro premio destinaranse 1.500 euros, mentres que a contía para o segundo e terceiro premio serán 200 e 100 euros respectivamente.

Ademais, o xurado de Baila con Ames outorgará tamén dous premios especiais por categoría: o premio especial da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro e mailo premio especial da Xuntanza de Empresarios de Ames. Cada un destes seis premios estará dotado cun vale de 100 euros para gastar no comercio local.

Os gañadores do primeiro premio de cada categoría tamén recibirán unha cesta saudable composta por produtos locais e de tempada, xunto cun vídeo que recollerá imaxes e momentos destacados do certame. Así mesmo, os gañadores de cada categoría comprometeranse a participar como actuación convidada nas Prebadaladas de Ames 2025.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.