PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Galicia celebra o día Internacional da Muller Rural

PorBisbarra

Martes, 15 Outubro 2024
Fabiola García visitou a Forestalis Ingeniería y Obras, un proxecto feminino

Hoxe, 15 de outubro, celébrase o día da Muller Rural. Foron moitas as actividades que se programaron na nosa comunidade para poñer en valor o traballo das mulleres en entornos rurais, traballo incansable que non entende de festivos nin de días libres. Un traballo no campo onde é necesario estar pendente e dispoñible 24 horas os 365 días ao ano.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe o labor das empresas que apostan pola contratación de mulleres en sectores masculinizados, especialmente no rural. Fíxoo  durante unha visita a Forestalis Ingeniería y Obras, proxecto empresarial centrado na reforestación, limpeza e roza de montes ou prevención de incendios, entre outras actividades.

Con esta visita, na que tamén participou o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, Fabiola García quixo poñer en valor a contribución das mulleres ao desenvolvemento rural e a fixar poboación nos concellos máis pequenos, coincidindo coa celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais. Ao respecto, recordou o papel das mulleres como un auténtico eixo dinamizador e elemento estratéxico para o crecemento económico das zonas rurais.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A conselleira destacou de Forestalis o seu compromiso coa igualdade de oportunidades e cunha actividade económica e produtiva de proximidade, para o que conta coa colaboración de entidades e colectivos cos que a Xunta comparte diferentes iniciativas, como a Federación pola Igualdade da Provincia de Pontevedra (Femupo) ou a Cruz Vermella. O 30% do persoal desta firma son mulleres.

Fabiola García felicitou ás empresas que, como esta, apostan por incrementar a presenza das mulleres en sectores masculinizados. Ao respecto, apuntou que o fomento do emprego feminino como principal garante da independencia económica das mulleres é unha das principais apostas do Executivo autonómico en materia de igualdade.

PREMIOS PARA AS MULLERES RURAIS

No día de hoxe, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu esta mañá á entrega da XV edición dos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais, celebrada en Madrid.

No evento, organizado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, premiouse á Asociación de Redeiras O Fieital de Malpica na categoría “Excelencia á innovación na actividade pesqueira ou acuícola”.  Ademais, o director xeral aproveitou a ocasión para poñer en valor o papel das mulleres rurais a prol do seu desenvolvemento económico e social.

PAULA PRADO VISITOU AS INSTALACIÓNS DA EMPRESA MARUXAS DE NATA EN SAN SADURNIÑO

O PPdeG conmemorou o día Internacional da Muller Rural poñendo en valor a contribución inmensa das mulleres galegas ao desenvolvemento económico da nosa terra e apostando por unha Galicia na que o rural siga vivo, na que a remuda xeracional sexa unha realidade e na que a muller siga sendo protagonista.

Así o manifestou esta mañá a secretaria xeral do partido, Paula Prado, durante a visita que realizou ás instalacións da empresa Maruxas de Nata en San Sadurniño acompañada polo coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto, os responsables de Igualdade e de Medio Rural no Grupo Parlamentario Popular, Raquel Arias e Miguel Ángel Viso, e a voceira local do partido, Belén Trigo.

 Para a número dous dos populares galegos esta empresa –cuxos produtos contan co selo de calidade de Artesanía Alimentaria e na que traballan seis mulleres e ata unha decena de períodos de alta produción – é un exemplo do labor das mulleres e especialmente do emprendemento das mulleres no rural.

MESA REDONDA EN LUGO

A Asociación Agromuralla organizou en Lugo unha mesa redonda con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Rural.

Nela falaron sobre a importancia da muller en Galicia, xa que a nosa comunidade é a que conta con máis xefas de explotación.  As 4 provincias galegas están entre as 5 españolas con maior porcentaxe de xefas de explotación: Pontevedra (54%), A Coruña (52%), Lugo (44%) e Ourense (40%); cando a media a nivel de todo España é do 28%.

Este colectivo falou sobre a falta de relevo xeracional. A idade media dos xefes de explotación en España é de 61 anos, mentres que en Galicia sitúase en 63,6 anos. No caso das explotacións dirixidas por homes a idade media na comunidade é de 62 anos, mentres nas que están lideradas por mulleres supera os 65. 

Os mozos menores de 40 anos representan o 8% dos xefes de explotación, mentres no caso das mozas a porcentaxe descende case á metade (4,5%). No conxunto do Estado, do total de mulleres xefas de explotación, só o 2% son mulleres menores de 40 anos. Dentro de España, as comunidades da cornixa cantábrica sofren os maiores índices de envellecemento do sector agrogandeiro.

ASER REIVINDICOU O PAPEL DAS EMPRESARIAS RURAIS

Co gallo desta data, a Asociación de Empresarias Rurais (ASER) quixo facer tamén visible en Galicia a importante contribución das mulleres emprendedoras, empresarias e profesionais, que coa súa actividade fan prosperar no noso rural un tecido produtivo que é alicerce do progreso económico de Galicia e clave na súa vertebración social e territorial.

Explican que , a actividade das mulleres empresarias do rural galego é un vector para a innovación e o emprendemento, non só para as actividades que se desenvolven sobre os nosos valores endóxenos –produción agrícola e gandeira, forestal, enerxías renovables, materias primas non agrarias, turismo, natureza, patrimonio…– e para aquelas que ofrecen produtos e servizos para as persoas ou as actividades asentadas neste territorio, senón tamén nos sectores da nova economía que se soportan en redes dixitais competitivas e que poden actuar en calquera lugar do mundo.

Tanto no eido económico como no social, as mulleres rurais desenvolven un papel clave como axentes para o avance no camiño dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Integrantes de ASER

Por iso, ASER traballa para tecer redes entre as mulleres empresarias do rural galego, desenvolvendo unha actividade a prol da formación, a cooperación, a busca dunha maior visibilidade, a construción de referentes neste eido, a promoción e a busca de sinerxías para facer medrar as empresas, o impulso do emprendemento feminino, o fomento da igualdade e a conciliación, e a defensa dos seus intereses en calquera ámbito.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.