O hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol comezou a renovación das súas camas. Do lote total de 249, xa se instalaron as primeiras 20 camas eléctricas. Esta semana serán un total de 60 as camas renovadas e iranse incorporando todas de xeito progresivo ata final de ano.
Do total, 179 camas estarán destinadas a servizos do hospital Arquitecto Marcide, mentres que o hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol recibirá 70.
A Área Sanitaria de Ferrol traballou dous anos neste expediente en colaboración co Servizo Galego de Saúde. Trátase dun acordo marco con dous lotes e a Área Sanitaria de Ferrol está implicada no segundo, referido a camas de hospitalización xeral con ancho especial.
Así, o cambio das camas e mesas de noite irase coordinando en diversas entregas ata acadar a cifra final. Máis en detalle serán 249 camas eléctricas e 154 mesas de noite con atril, que supoñen un investimento de case 700.000 euros. Cada cama está valorada en 2.045 euros, supoñendo un custo total de 616.138,05 euros. Pola súa banda, cada mesa de noite ten un prezo de 535 euros, cun custo total do lote de 99.691.90 euros.
Finalmente, dende a Área Sanitaria de Ferrol lembra que, mentres se tramitaba este expediente centralizado, ao longo dos últimos anos foi adquirindo camas e mesas de noite segundo foron precisas. Concretamente, dende o ano 2018 incorporáronse a distintos servizos 79 camas novas, entre elas, 24 hidráulicas, e 77 mesas de noite. Supón a renovación de máis da metade das camas instaladas do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.




