A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitaron o centro público integrado plurilingüe Virxe da Cela, en Monfero. Alí, a representante autonómica puxo en valor o modelo educativo galego e o seu compromiso coa educación rural. Así mesmo, indicou que a igualdade de oportunidades é un dos seus sinais de identidade.
A delegada territorial exerceu de anfitrioa durante o percorrido polas dependencias educativas xunto á directora do centro, Camino Pereiro. Así, o representante do Goberno central puido coñecer de primeira man as distintas actividades que se levan a cabo no centro. A maiores, participou no programa de radio escolar no que o alumnado de 4º da ESO desenvolve as competencias lingüísticas e comunicativas.
Aneiros referiuse ao CPI Plurilingüe Virxe da Cela como un centro de referencia pola implicación en diferentes iniciativas impulsadas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, como centro Edulingüe e integrante da rede de centros E-Dixgal. Conta con polo creativo e desenvolve accións como o Plan Proxecta. No ámbito da biblioteca, este centro está integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), conta con club de lectura e incorporouse en 2024 programa Radio na Biblio. Ademais, este mesmo ano foi galardoado nos premios Innovagal polo seu proxecto “Monfero Solidario”, que distingue as boas iniciativas no ámbito da innovación educativa.
Martina Aneiros aproveitou a visita para poñer en valor o traballo diario e a implicación do profesorado do CPI Pluriingüe Virxe da Cela como ”piar dos bos resultados académicos obtidos polo seu alumnado”. Neste sentido, lembrou a súa participación no programa Observa_Acción de intercambio de boas prácticas docentes.