PUBLICIDADE

Gran acollida en Brión do festival gratuíto de ciencia en bares “Pint of Science España”

PorBisbarra

Martes, 19 Maio 2026 , , , ,
Á gran participación veciñal nas charlas científicas no bar O Novo Faro sumáronse os 40 nenos e nenas que cubriron todas as prazas dos obradoiros de “Pint Kids x Brión”

Gran acollida en Brión á primeira sesión do “Pint of Science España”, un festival gratuíto que busca achegar a ciencia á cidadanía a través dun punto de encontro tan presente no noso país como son os bares. “O Pint Kids foi todo un éxito. Cubrimos todas as prazas e aos rapaces encantoulles, fóronse encantados coa experiencia. E coas charlas científicas tamén bastante ben, cunha trintena de persoas entre o público”, sinala Nerea Lago, investigadora postdoctoral e responsable de Comunicación desta edición en Brión.

Esta é a primeira ocasión na que o Concello de Brión se suma a esta iniciativa, que este ano celebra a súa undécima edición en 114 cidades de todo o territorio nacional. “Onte tivemos dúas quendas de Pint Kids, con vinte nenos e nenas en cada grupo que puideron ver células no microscopio de todo tipo, desde ás de abella e células sanguíneas ata tecido ovárico ou mostras de cebola”, explica Nerea Lago, quen engade que “tamén aprenderon como se cultivan as células, mentres pipeteaban volumes de líquidos de cores, e experimentaron como é o xeo seco nas súas propias mans”.

Por outra banda, no interior do bar O Novo Faro tiñan lugar as dúas primeiras charlas do ciclo da man de María del Carmen Veiga Barbazán, profesora da Universidade da Coruña que falou sobro como transformar os residuos en bioplásticos; e Manuel Collado Rodríguez, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas quen disertou sobre como devolver a xuventude aos tecidos humanos.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.