PUBLICIDADE

O Concello do Pino asina un convenio con Inserta Emprego para fomentar o emprego das persoas con discapacidade

Mar Medeiros Cuiña e o alcalde, Manuel Taboada Vigo, na sinatura do Convenio

O Concello do Pino aposta pola inclusión laboral das persoas con discapacidade coa colaboración de Inserta Emprego, da Fundación ONCE. O alcalde, Manuel Taboada, e Mar Medeiros, directora de Mercadotecnia Social e Convenios de Fundación ONCE e directora de Área de Empresas, Alianzas, RSC-D de Inserta Emprego, asinaron  un convenio para fomentar o emprego das persoas con discapacidade do municipio.

Este acordo establece un marco de colaboración para mellorar a situación no mercado laboral das persoas con discapacidade mediante o establecemento de programas de formación, captación, derivación, orientación e inclusión no mercado laboral, co obxectivo de facilitar o seu acceso a un emprego de calidade.

Manuel Taboada destacou que este convenio “permitirá avanzar cara a un municipio máis inclusivo, accesible e comprometido coa igualdade de oportunidades e coa integración laboral das persoas con discapacidade”.

PUBLICIDADE

Pola súa banda, Mar Medeiros destacou que se trata dunha alianza especialmente relevante polo seu impacto na inclusión laboral e social, e subliñou o seu potencial de difusión grazas á localización estratéxica do municipio, punto de partida da última etapa do Camiño de Santiago. “Este convenio permitirá que O Pino sexa non só a porta do Camiño de Santiago, senón tamén a porta da inclusión”.

O convenio prevé desenvolver actividades de sensibilización dirixidas á cidadanía, asociacións, tecido empresarial, centros educativos e ANPAs, fomentando experiencias inmersivas que permitan visibilizar as dificultades ás que se enfrontan as persoas con discapacidade no seu día a día.

O convenio inclúe a colaboración co tecido asociativo do Pino para que a prestación de servizos a persoas con discapacidade se canalice a través das diferentes asociacións que as representan.

Outro dos ámbitos nos que se traballará será a accesibilidade no Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio, mediante actuacións relacionadas coa sinalización específica e a mellora da información para persoas con discapacidade.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.